Adega e veciños de Xemil reclaman a paralización dunha explotación mineira

Adega e a veciñanza de Xemil (Bretoña, Pastoriza) reclaman á Consellería de Economía e Industria a paralización inmediata da explotación mineira de Pizarras Universal, ante os reiterados incumprimentos legais e ambientais detectados na actividade.
A comunidade de montes Coto das Louseiras lembra que o contrato de alugueiro coa empresa rematou en abril de 2025 e que xa fora comunicada previamente a súa decisión de non renovalo, ao solicitar o abandono dos terreos e a restauración ambiental da zona. Porén, a empresa continúa a explotar o monte aínda tendo caducado o contrato de alugueiro.
Segundo denuncian Adega e a veciñanza, a actividade mineira supera amplamente a superficie permitida pola declaración ambiental, que chega a ocupar máis de 40 hectáreas cando só tiña autorizadas algo máis de 10. "Esta sobreocupación, que podería rondar as 30 hectáreas, carece ademais das garantías de restauración necesarias e afecta tamén a cursos de auga e zonas protexidas sen as preceptivas autorizacións do organismo de conca (Confederación Hidrográfica Miño-Sil)", din.
Malia esta situación, a empresa vén de presentar un proxecto de ampliación da canteira que foi admitido a trámite pola Administración. Adega e a comunidade de montes consideran "inaceptable" avanzar nesta tramitación mentres persisten incumprimentos graves, e advirten de que a ampliación suporía duplicar a ocupación do monte e afectar hábitats de interese comunitario, así como recursos hídricos fundamentais para a zona.
Na mañá de hoxe, representantes da comunidade de montes, acompañados por Adega, trasladaron directamente estas preocupacións á Sección de Minas da Consellería en Lugo, e reclamaron maior axilidade nas denuncias presentadas e a apertura dos correspondentes expedientes sancionadores.
Tanto Adega como a veciñanza insisten en que non se pode autorizar a ampliación dunha actividade que xa está a incumprir a legalidade vixente e reclaman á Administración que actúe en defensa do interese xeral, paralice a explotación e suspenda a tramitación do proxecto.