Adega lanza unha campaña para protexer o millafre real na Terra Chá

TerraChaXa
O parque eólico Carballal proxéctase a menos dun quilómetro de distancia dunha área de protección para a avifauna ameazada
millafre-real
A aven ameazada
4 Jun 2024

A asociación ecoloxista Adega procura fondos a través da campaña de recadación solidaria #TiPodesParalos para frear na Xustiza o polígono eólico Carballal, proxectado por Greenalia no concello da Pastoriza, moi próximo a unha área de protección da avifauna ameazada. Adega lanza este novo desafío co obxectivo de reunir os 7.300 euros precisos para recorrer este proxecto eólico ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A súa autorización administrativa previa e de construción foi publicada no Diario Oficial de Galiza o pasado 29 de febreiro.

Este polígono eólico, posible fragmentación artificial doutros tres (Boura, Monzón e As Louseiras), contempla a instalación de tres aeroxeradores de 180 metros de altura nunha área de máxima sensibilidade ambiental, que mesmo foi clasificada como "de exclusión" para aproveitamentos eólicos e fotovoltaicos segundo a zonificación presentada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Ademais, as súas instalacións sitúanse a menos dun quilómetro de distancia dunha área de protección para a avifauna ameazada e contra as colisións coas liñas eléctricas. Dada esta proximidade, consideran que o proxecto terá unha afectación directa sobre especies ameazadas como o millafre real (Milvus milvus), con varios durmidoiros na zona -o máis próximo a menos de 2 quilómetros do parque- e a tartaraña cincenta (Circus pygargus), que aparecen frecuentemente ao norte do espazo no que se proxecta o polígono. Alén, trátase dunha zona con presenza dunha manda de reprodución de lobos moi próxima.

Dende o punto de vista da afección patrimonial, este proxecto atinxe a un conxunto de xacementos catalogados, nunha área moi rica a nivel arqueolóxico na que hai tamén indicios da presenza do chamado Castro do Barrio e de varios túmulos megalíticos do Caxigo, que non foron valorados na avaliación realizada pola promotora eólica.

Así mesmo, as augas das que se abastece boa parte da veciñanza de 5 parroquias proceden do monte veciñal en man común Montareda e Corredoira, que tería que ser expropiado para a construción do polígono eólico. As infraestruturas usurparían o monte veciñal e competirían coas explotacións agrogandeiras da zona.

Obxectivos de recadación

Adega suma así un novo desafío á súa campaña de recadación solidaria para a interposición de recursos contencioso-administrativos contra o actual modelo eólico depredador e insustentábel promovido pola Xunta de Galiza. Unha campaña que ata o de agora permitiu levar ante a Xustiza unha trintena de proxectos eólicos e que xa conseguiu varios éxitos nos tribunais, como as recentes paralizacións cautelares dos proxectos Monte da Croa, Pico Seco, Troitomil, Rodicio II, Monte Toural ou Serra do Punago.

Para poder contribuír a este novo desafío #TPP, ADEGA acaba de facer pública a seguinte páxina de crowdfunding: https://tipodesparalos.helpbysc.com/carballal. A asociación ecoloxista chama á colaboración cidadá para alcanzar o obxectivo de doazóns necesario na defensa do rural e o medio ambiente galegos fronte á actual invasión eólica.

En concreto, o obxectivo mínimo de recadación colectiva establecido por ADEGA para este desafío é de 7.300 euros. Esta recadación establécese en dúas fases. A primeira terá unha duración de 1 mes desde este martes, 4 de xuño, na que será preciso acadar un mínimo de 3.600 euros, o que garantirá a presentación por parte de ADEGA dos recursos de alzada contra a autorización administrativa previa e contra a autorización de construción do proxecto eólico e a elaboración do informe técnico ambiental. Nunha segunda fase procuraranse acadar 3.700 euros restantes para a interposición do recurso contencioso-administrativo contra a autorización administrativa previa e contra a autorización de construción no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, así como para a solicitude de paralización cautelar.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17280006408691