Adega organiza as xornadas de verán 'Os catro elementos'

TerraChaXa | LugoXa
Adega Lugo presenta as III Xornadas de Verán 'Os catro elementos' onde a natureza centrará catro actividades repartidas entre xullo e agosto.
1Cartaz xornadas
17 Xul 2022

A delegación de Lugo de ADEGA organiza un ano máis, nos meses de xullo e agosto, as xornadas de verán Os catro elementos, coas que pretenden achegar as persoas á natureza a través da poesía, atendendo aos cantos das aves, achegándose a mámoas onde observar estrelas e reconstruíndo un valado de pedra coa técnica de xunta seca. Catro actividades, unha por cada un dos elementos.

Catro elementos

Venres 22 de xullo de 17 a 20 horas. Terra. Obradoiro de reconstrución dun muro coa técnica de xunta seca. Barrio de Albeiros. Neste obradoiro levantarase un muro de pedra coa técnica de xunta seca, catalogada como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade. A actividade durará tres horas e será preciso levar roupa de traballo axeitada

Sábado 23 de xullo, de 10 a 13 horas. Aire. Andaina identificativa de aves a través da observación e dos seus cantos. Parroquia de Coeses, Lugo. Ensinarán algunhas
características das aves habituais deste tipo de hábitats, como son o cirrio, a pimpina, ou o reiseñor bastardo. Tamén a recoñecelas a través do seu canto.

Venres 26 de agosto, de 23 a 02 horas. Lume. Andaina nocturna e observación de estrelas. Parroquia de Guldriz, Friol. Observarase o ceo nocturno na finca Rego Salgueiro, na parroquia de Guldriz. Esta finca acaba de ser cedida por unha socia a ADEGA na que se atopa a mámoa nº2 da necrópole Costa de Mera. Nun pequeno percorrido nocturno, chegarase ata a medorra, onde observarán o ceo e as estrelas.

Domingo 28 de agosto, de 11 a 14 horas. Auga. Roda poética e andaina ata a Fábrica da Luz. Paseo do Miño, Lugo. Nesta ocasión xuntaránse ao redor dunha roda, na que contarán con poetas de Lugo e da provincia, e con todas as persoas que queiran adicar unhas verbas á natureza, a auga ou aos catro elementos.

Todas as actividades son de balde pero é preciso inscribirse chamando ao 982 240 299 ou escribindo a adegalugo@adega.gal indicando nome, apelidos, DNI e teléfono de contacto.

0.17215180397034