Adega organiza un roteiro polo Miño desde Meira
Este curso 2020-2021 Adega-Lugo quere destacar as áugas interiores e o seu servizo para innúmeros seres vivos, alimento para a terra e lecer para a vista.
Así, organiza varios roteiros polos dous rios maiores que son o Miño e o Sil e que farán o desfrute dous seus participantes visitando lugares emblemáticos como o nacemento do Miño ou a súa desembocadura no Atlántico.
O primeiro roteiro deste curso terá lugar o domingo, 25 de outubro, na procura do nacemento do río Miño na Serra de Meira. Dende o Pedregal de Irimia baixarase ata o Porto da Pena, e chegarase ata a Fonte da Barxa ou Fonte Miñá. Dende alí, continuará ata o Castro de Baltar, onde poderase desfrutar dunha gran panorámica da Terra Chá.
O seguinte roteiro que se desenvolve na Terra Chá será o 21 de febreiro por Begonte baixo o lema As augas mansas.
Na propia web de Roteiros de Adega-Lugo (http://roteirosadegalugo.wordpress.com) irase actualizando toda a información relativa a cada saída e as indicacións para formalizar as reservas.
As persoas que estean interesadas en reservar praza, terano que facer a través do formulario de reserva dispoñible na web, antes das 14 horas do venres anterior ao roteiro. Cubriranse as prazas por orde de inscrición.
Os roteiros están abertos á participación de público de todas as idades aínda que os socios e socias de Adega gozarán de desconto no prezo, así como as persoas que están estudando, en situación de desemprego ou os menores de 14 anos.
Os roteiros serán de xornada completa e recoméndase ás participantes levar roupa e calzado axeitados e viandas para o camiño. Será preciso cumprir co protocolo para evitar a propagación da COVID tamén dispoñible na web.
Para máis información, tamén se pode chamar ao teléfonos 982 240 299 ou escribindo a adegalugo@adega.gal.