Adega realizará o sábado en Friol unha actividade con motivo o Día Mundial das Reservas da Biosfera
A asociación ecoloxista Adega organiza dúas xornadas de voluntariado ambiental nos concellos de Láncara e Friol con motivo do Día Mundial das Reservas da Biosfera, que se celebra o domingo, 3 de novembro.
No concello de Friol ten lugar este sábado, 2 de novembro, e estará orientada a aprender en torno á importancia das sebes e a crear unha na finca Lamelos, parcela custodiada por Adega na parroquia de Guimarei.
Adega fai un agradecemento ao Centro de investigación forestal Lourizán pola cesión das árbores. A xornada, que dará comezo ás 9.30 cunha charla introdutoria, rematará cun xantar de convivio ás 14.30 horas. Para participar é preciso inscribirse antes do xoves, 31 de outubro, a través deste formulario.
A actividade é de balde e está dirixida ao público en xeral; conta con seguro de accidentes, e Adega proporcionará ás persoas participantes o material necesario para a súa realización.
Esta iniciativa enmárcase no proxecto de Adega Conservando a paisaxe da Reserva da Biosfera Terras do Miño e o seu patrimonio cultural e natural, que está financiado pola Área de Medio Ambiente da Deputación de Lugo.