Adega restaurará os muros de pedra recoñecidos pola Unesco de Muras
O vindeiro venres 21 de xullo, Adega organiza unha xornada no Concello de Muras para restaurar un elemento singular do patrimonio cultural e ambiental galego como son os muros en pedra seca. Característicos das paisaxes cercadas, son pezas da nosa tradición de grande importancia para a conservación da biodiversidade e a preservación do medio natural ligado aos agrosistemas.
"Os muros de pedra seca son un exemplo excepcional dunha relación equilibrada entre o ser humano e a natureza, ademais de ter un papel esencial na prevención de escorrentías de terras, inundacións, avalanchas ou no deterioro e erosión do solo. Tamén funcionan como cortaventso e refuxios de especies animais de vertebrados e invertebrados, algúns en situación de vulnerabilidade, e doutros organismos naturais como liques, fungos, fentos, e brións que teñen unha importante función ecolóxica. A diversidade de especies tamén favorece a viabilidade dos labores agrícolas e modelos de intervención na terra máis sustentábeis e respectuosos co medio ambiente", explican.
As diferentes tipoloxías e materiais, propios de cada zona, conforman a nosa paisaxe e identifica os usos tradicionais do solo, sendo esta técnica de construción, a da pedra seca, Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade, segundo a Unesco.
A iniciativa enmarcase no proxecto de Adega “Patrimonio rural: custodiando o noso legado máis singular” apoiado pola Vicepresidencia da Deputacion de Lugo, dende a área de Medio Rural.
Programa de actividades
A actividade será en sesión de mañá arrancando ás 10.00 horas coa recepción e presentación para comezar os traballos media hora despois. Haberá un descanso de media hora ás 12:00 e remataran ás 14:30 horas para o xantar.
Na xornada participará persoal de Adega e o canteiro experimentado en construción deste tipo de valados, Xosé María Lomba, quen guiará os traballos.
Ao mediodía, o voluntariado gozará duns petiscos e faráselles entrega do Manual para a restauración de valados, editado por Adega.
As persoas que queiran asistir ás xornadas teñen que rexistrarse a través deste enlace antes do xoves 20 de xullo ás 14 horas.