Adega solicita a paralización das canteiras de lousa de Xemil e Campo do Oso

TerraChaXa | AMariñaXa
Afirma que a actividade mineira excede en máis de 30 hectáreas a superficie autorizada
canteiras-lousa-xemil-e-campo-do-oso
26 Feb 2025

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) vén de solicitar á Dirección Xeral de Enerxía e Minas a paralización das canteiras de lousa de Xemil e Campo do Oso (A Pastoriza) por superar en máis 30 hectáreas a ocupación que ten autorizada na Declaración de Efectos Ambientais (aprobada por Resolución de 28 de Decembro do 1998 da entón Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental).

A actividade mineira que actualmente se segue a realizar nas frontes Xemil-Pastoriza e Campo do Oso, correspondentes á autorización de explotación identificada como LU/C/5530 Fracción Pastoriza ou LU/C/5530.2, non conta coa preceptiva avaliación ambiental que se esixía no Decreto 327/91, de avaliación de efectos ambientais para Galicia, e que se esixe hoxe na lei 21/2013, de avaliación ambiental.

En concreto, son dúas as ocupacións autorizadas e actuais de cada unha das frontes. Na de Xemil-Pastoriza son  6,84 Ha de ocupación autorizada pola DEA e 30,93 Ha de ocupación actual. Na fronte de Campo de Oso son 3,73 Ha de ocupación autorizada pola DEA e 9,96 Ha de ocupación actual. Isto supón un total de 10,57 Ha de ocupación autorizada pola DEA e de 40,89 Ha de ocupación actual.

Adega tamén solicita, por unha banda, que se obrigue á empresa á restauración integral de toda a área afectada pola actividade mineira, empezando por executar o plan de restauración aprobado no seu día para as 10,57 hectáreas cuxa ocupación está autorizada pola Declaración de Efectos ambientais. Por outra banda, a asociación demanda da empresa a presentación, tramitación e execución dun novo plan de restauración para o resto da zona ocupada sen autorización pola explotación mineira. A lexislación de protección ambiental está para ser cumprida e, no que respecta ás explotacións mineiras, é tempo xa de que a administración mineira empece por facela cumprir.

⚙ Configurar cookies
0.17154312133789