Adela Figueroa presenta o xoves en Vilalba dúas obras

TerraChaXa
O Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración do Concello de Vilalba, organiza o xoves 8 de febreiro de 2024, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, a presentación dos libros A quadratura do círculo.
presentacion libros de adela figueroa portada
5 Feb 2024

O Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración do Concello de Vilalba, organiza o xoves 8 de febreiro de 2024, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, a presentación dos libros A quadratura do círculo. Histórias de Lugo que podían ter acontecido noutro lugar qualquer, e Gotas. Desde a terra até ás nuvens, de Adela Figueroa Panisse, que estará acompañada na presentación por Marisa Barreiro, Pilar Maseda e María Xosé Lamas.

A quadratura do círculo

Esta colección de relatos fai referencia a diferentes historias que teñen a Lugo como marco ambiental. Son tres relatos independentes, pero tratan temas relacionados con esta cidade en diferentes momentos. Lugo, unha lugar tranquilo, pacífico e amigable onde a vida se desenvolve sen presas, sen inquietudes e con sorrisos de amizade. Pero, como moitos outros lugares, mantén as súas turbulencias. Estas tres historias falan desas turbulencias coas que se intenta cadrar o círculo máxico que insinúa a súa enteira muralla, sen conseguilo.

Adela Figueroa Panisse naceu en Lugo e viviu en Pontevedra, onde desenvolveu a maior parte do seu labor profesional. É licenciada en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago de Compostela en 1971 e foi catedrática de Bioloxía-Xeoloxía no IES Lucus Augusti de Lugo desde 1996 ata a súa xubilación. Antes estivo no IES A Xunqueira, IES Valle Inclán e IES Sánchez Cantón de Pontevedra. Desde o ano 1990 é Mestrado en Educación Ambiental, pola UNED e a Universidade Empresa. Colaborou coa Misión Biolóxica de Galicia e o Centro Forestal de Lourizán, tamén coa Universidade do Minho como bolseira, no departamento do Instituto da Educação, e no de Quimica Pura e Aplicada.

Participou na fundación de organizacións como Adega, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a revista O Ensino, da que foi directora. Foi membro da ISSOL (Asociación internacional para a investigación da orixe da vida). Ten traballado para UNICEF no departamento de Educación para o Desenvolvemento. Así mesmo ten colaborado en diferentes revistas como Cerna, ENCIGA, Agália ou Portal Galego da Línguae en xornais como El Progreso, La Voz de Galicia, Xornal.com, Vieiros, A Nosa Terra, Praza Pública, Sermos Galiza e Nós Diario.

É autora de poesía feminista, de compromiso ambiental e social, de amor e erótica. Tamén escribiu obra en prosa, literatura infantil e xuvenil, contos de mulleres, contos populares, de humor; tamén de terror e misterio.

0.17239904403687