Adi Iglesias será a madriña na entrega dos premios na V Gala do Deporte de Vilalba
O Concello de Vilalba informa dos detalles da V Gala do Deporte Municipal, que se celebra o vindeiro sábado, 28 de xaneiro, no auditorio Carmen Estévez. Neste acto, prémiase a deportistas, técnicos/as, entidades deportivas e figuras importantes no labor de fomento do deporte e da actividade física en Vilalba entre o 1 de xaneiro de 2021 e o 1 de decembro de 2022.
A apertura de portas do auditorio será a partir das 19:30, mentres que o acto comezará ás 20:00. A entrada ao evento será de balde ata esgotar o aforo do auditorio.
O presentador do acto será Terio Carrera, presentador deportivo na TVG, cunha longa traxectoria no sector. A atleta, Adiaratou “Adi” Iglesias será a madriña desta V Gala do Deporte.
Durante o acto, entregaranse as mencións especiais á madriña do evento, Adiaratou Iglesias, ao xadrecista, Enrique Garrote; así como a Edelmiro Millor, Ramón Infante e José M. Peón. A gala contará ademais coas actuacións da Escola Municipal de Teatro e da Escola de Danza.
Durante a gala, coñeceranse ás persoas ou entidades ás que a Comisión Técnica decidiu conceder os premios deste ano. As candidaturas foron propostas polos clubs, institucións, asociacións e outras entidades, así como pola propia veciñanza.
As candidaturas corresponden ao mellor deportista vilalbés, o mellor equipo, o mellor deportista promesa, o mellor club ou entidade deportiva, mellor adestrador, mellor club no labor no deporte base, mellor labor informativa/comunicativa, mellor traxectoria deportiva, mellor evento/actividade deportiva e mellor equipo/deportista con discapacidade. Tamén haberá unha mención especial, neste caso será a Comisión Técnica a que conceda un máximo de 3 premios nesta categoría.
Dende o Concello, invitan a toda a cidadanía a sumarse a este recoñecemento á comunidade deportiva da vila, ademais de adiantar o seu agradecemento ás persoas e entidades vinculadas ao deporte municipal.