Adif saca a licitación a construción da pasarela sobre a vía de tren en Rábade

TerraChaXa | LugoXa
O BOE recolleu onte o anuncio de licitación do proxecto de reposición da pasarela peonil e supresión do paso a nivel na liña de tren.
2 Xuño 2023

O BOE recolleu onte o anuncio de licitación do proxecto de reposición da pasarela peonil e supresión do paso a nivel na liña de tren León-A Coruña ao seu paso por Rábade na contorna da parroquia do Cruceiro.

A licitación sae cun orzamento total de 593.325 euros e as empresas teñen de prazo para presentar as súas ofertas ata o 30 deste mes. A execución da obra será, despois da adxudicación, de cinco meses.

O proxecto do Adif contempla a demolición da actual pasarela urbana, datada dos anos 50, por unha nova que conectará a rúa Campo da Feira e a Praza de España coa estación do ferrocarril. A plataforma, elevada, contará con acceso por escaleiras e ascensor, será metálica e terá unha lonxitude en pranta de 27,6 metros, facendo este paso accesible a todo tipo de peóns e promovendo con iso a accesibilidade universal. Ademais, dotarase de novo alumeado á zona para maior visibilidade.

Por outro lado, a subdelegada avanzou que para a eliminación do paso a nivel no punto quilométrico 446/350 da liña Palencia-A Coruña, Adif executará dous muros de cerramento a ambos lados da vía férrea para impedir o acceso e ampliará a zona para o tráfico de peóns e vehículos. Con estas actuacións queremos eliminar a perigosidade que supón actualmente este paso.

0.070154905319214