Advirten de que o campo de fútbol vivariense Marcos Gómez está a ser utilizado como vertedoiro

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
29 sep 2019

O grupo municipal do Partido Popular de Viveiro alerta de que o campo de fútbol Marcos Gómez, situado na zona de Cembedo, está a ser empregado “ultimamente como un almacén de obras”, malia ser un lugar destinado á práctica en xeral do deporte, no cal diariamente practican esta disciplina gran cantidade de nenos, ademais dos acompañantes e visitantes cando se trata de competicións deportivas.

Ante a gravidade da situación, piden ao goberno local que inicie as xestións que permitan buscarlle “unha utilidade pública-deportiva”, xa que tamén está a ser usado de aparcadoiro, depósito de vehículos e outros enseres que, ademais de obstaculizar a zona, dán unha imaxe “deplorable” de cara aos usuarios.

Ademais, os populares piden que se adapte para actividades deportivas ou como campo de adestramento para os numerosos equipos locais a ampla zona situada detrás da portería contra a praia de Covas, que está en desuso. Neste senso, os populares consideran que esta actuación tampouco suporía un elevado custe e melloraría considerablemente estas instalacións.

O recinto deportivo presenta un aspecto “lamentable” en xeral, ata o punto de que pode ser perigoso para os nenos, dada a cantidade de materiais e máquinas de obra que se atopan no interior e que para nada teñen relación coa actividade que alí se practica.

Por este motivo, e logo de varias queixas veciñais sen obter ningún tipo de resposta por parte do persoal municipal encargado das tarefas de mantemento e dos dirixentes locais, os populares deciron levar este asunto ao pleno. En concreto, pedirán que se retiren todos os materiais que, de ningún xeito deben estar no recinto deportivo, e se proceda a limpeza do mesmo para que os rapaces poidan practicar deporte, así como habilitar a zona detrás da portería para facer posible a práctica de adestramentos. Deste xeito, daríase así resposta a outra demanda existente, xa que as instalacións para este fin, nalgunhas ocasións, son insuficientes.

0.14064598083496