Adxudicada a obra do rocódromo no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo
O Padroado da Fundación Feiras e Exposicións de Lugo vén de adxudicar a construción dun rocódromo no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo por un importe de 372.000 euros, do que a Xunta achegará o 45% (máis de 170.000 euros). A adxudicataria compromete un prazo de execución da obra de 45 días dende a expedición da licenza.
Na reunión do Padroado decidiuse a adxudicación do contrato para a construción, equipamento, mantemento e xestión do equipamento deportivo para a práctica de escalada, espeleoloxía e de actividades recreativas en altura no Pazo de Feiras.
A Xunta asume a maior parte do orzamento do proxecto, as outras institucións con representación no Padroado son a Deputación Provincial, que participa cun 35%, e o concello, que achegará o 20% restante.
Esta nova infraestrutura permitirá potenciar a funcionalidade do recinto feiral e incrementar a oferta de equipamentos deportivos da cidade. Neste sentido, cabe lembrar que as federacións galegas de Montañismo e Espeleoloxía suman preto de 5.500 licenzas.