Adxudicada a rehabilitación integral dos Ceip de Cervo e de Foz nº 1
As obras de rehabilitación integral do CEIP de Cervo e do CEIP de Foz nº1, veñen de ser adxudicadas cun investimento de 943.380,87 e 815.989,38 euros respectivamente. As obras realizaranse a través do anticipo de tesourería aprobado para axilizar a licitación das obras con cargo ao superávit de 2018. Os traballos comezarán a executarse os vindeiros días.
As actuacións contempladas na rehabilitación integral do CEIP de Cervo inclúen medidas para mellorar a súa eficiencia enerxética. Para iso, instalarase unha nova caldeira de biomasa, colocarase panel sándwich e illamento na cuberta e illarase tamén a fachada polo exterior mediante sistema SATE. Ademais, mudaranse as fiestras por unhas novas de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmico e vidro dobre baixo emisivo e as luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética, con regulación lumínica e detectores de presenza. A combinación destas actuacións suporán un aforro do 84,6 % no consumo de enerxía primaria non renovable e do 87,6 % en emisións de CO2.
A maiores, instalarase un ascensor para 8 persoas, reformaranse os aseos, pintaranse os paramentos verticais e colocarase falso teito acústico nas aulas, biblioteca, comedor, área de profesores e administrativa.
Pola súa banda, a obra do CEIP de Foz nº 1 contempla a colocación de panel sándwich e illamento térmico na cuberta no edificio de primaria, ao illamento da fachada polo exterior mediante sistema SATE neste mesmo edificio, á substitución das fiestras (por outras de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmico e vidro dobre baixo emisivo) e persianas nos dous edificios e á instalación de luminarias de alta eficiencia enerxética. Todas estas medidas combinadas supoñen un aforro do 64,70 % no consumo de enerxía primaria non renovable e do 66,10 % en emisións de CO2 no edificio de primaria e do 21,40 % no consumo de enerxía primaria non renovable e do 21,70 % en emisións de CO2 no edificio de infantil.
A rehabilitación integral deste centro inclúe tamén a creación dun gran patio cuberto entre edificacións, a colocación dun novo núcleo de comunicacións (ascensor e escaleira de evacuación), no edificio de primaria e a redistribución de espazos administrativos, salón de actos e cociña comedor para mellora da súa funcionalidade, no edificio de primaria. Así mesmo, instalarase un sistema de ramplas entre edificios que resolve os problemas de accesibilidade e repararanse e pintaranse os paramentos verticais.