Adxudicadas as obras da III fase da avenida de Galicia das Pontes
A Xunta de Goberno Local do Concello das Pontes adxudicou, a semana pasada, á empresa local, Construcciones Canosa S.L, as obras de mellora de pavimentos e servizos na avenida de Galicia, Fase III
Os traballos, cun orzamento de 188.069 euros, levaránse a cabo no tramo comprendido entre a Ponte de Isabel II e a Praza do Hospital e están encamiñados a crear unha rúa na que os peóns gañen relevancia, seguindo a liña estrutural e estética das fases anteriores.
Con tal obxectivo procederase a eliminar o nivel existente entre a estrada e as beirarrúas, substituír a capa de rodadura existente por aglomerado impreso para aumentar a seguridade e comodidade do viario.
Asemade o proxecto inclúe a mellora da iluminación coa execución dunha nova canalización eléctrica, instalación de arquetas e o retranqueo das luminarias para realizar unha nova disposición ao tresbolillo así como a instalación de captafaros led nos pasos peonís.
Ademais está prevista a renovación da rede de saneamento en ambas marxes da rúa. Levarase a cabo a conexión das acometidas das augas fecais e as conexións á nova rede de drenaxe das baixantes dos tellados así como a instalación de sumidoiros e a separación da rede de augas pluviais da rede de saneamento.
A terceira fase da Avenida de Galicia tamén inclúe instalación de novo mobiliario urbano (papeleiras, xardineiras e bancos) e a sinalización completa do tramo.