Adxudicadas as obras de mellora da rúa Curros Enríquez en Cospeito

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestrutura adxudicou por un importe de 433.565 euros a execución das obras de ensanche e mellora da rúa Curros Enríquez, no lugar da Feira do Monte, no concello de Cospeito.
A actuación que se vén de adxudicar á empresa Novavial, consistirá na ampliación da plataforma e o reforzo de firme, así como na habilitación de beirarrúas e dotación de nova iluminación, da citada rúa da parroquia de San Xoán de Sistallo, localizada na contorna de protección de Cruceiro e da Ermida do Monte e, que entronca coa vía autonómica LU-111.
En detalle, intervirase no treito da rúa entre o centro de día ata a glorieta da citada estrada. Deste xeito, as obras teñen como obxectivo a ampliación da plataforma da rúa e o reforzo do firme, incluíndo o soterrado dos servizos aéreos. Contémplase tamén a substitución dos farois existentes por un sistema novo de alumeado público.
Trátase dunha contorna onde se sitúan dotacións como o colexio e o citado centro de día, ademais da igrexa de Virxe do Monte, de xeito que a intervención, que ten un prazo de execución de seis meses, mellorará o acceso da veciñanza a estes equipamentos.
Esta obra e enmárcase no Plan Hurbe da Administración autonómica, que apoia aos concellos para financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas, de xeito especial humanizacións e mellora de espazos e equipamentos públicos.
A través do convenio asinado ao abeiro do Plan Hurbe, o departamento que dirixe María M. Allegue financiará estes traballos coa achega do 70% do orzamento, mentres que o Concello de Cospeito achegará o 30% restante.