Adxudicadas as obras na zona pontesa de Maciñeira
O Concello das Pontes aprobou a adxudicación das obras de mellora dos camiños municipais en Maciñeira á empresa Francisco Gómez y Cía. Trátase dun novo paso do goberno local no seu compromiso por mellorar as infraestruturas do ámbito rural e favorecer a calidade de vida dos veciños.
As obras, que comezarán o vindeiro mes de xullo e que teñen un prazo de execución de dous meses, inclúen a mellora da capa de rodadura do camiño que vai de Maciñeira a Fraga dos Cregos e o viario que parte deste punto en dirección a Porto do Liño.
Con estas actuacións, o goberno local, quere dotar a ambos camiños dunha maior calidade, estrutural e superficial, facendo que sexan máis accesibles, cómodos e seguros, tanto para o tráfico rodado como para os viandantes.
Este proxecto, cun orzamento base de licitación de 68.559 euros permitirá a substitución da actual capa de rodadura por aglomerado, a limpeza das marxes dos camiños, a reposicións da sinalización vertical e horizontal, así como o pintado do viarios.