Aprobadas nas Pontes as obras de reurbanización da praza do Barreiro

A Xunta de Goberno Local do Concello das Pontes aprobou o expediente de licitación do proxecto de reurbanización da Praza do Barreiro, unha actuación cun orzamento de 372.644 euros con cargo á Deputación da Coruña.
O proxecto, que continúa coas actuacións levadas a cabo polo goberno local nos últimos anos, ten como obxectivo incrementar os niveis de funcionalidade, seguridade, accesibilidade, eficiencia enerxética, calidade ambiental e sustentabilidade nesta área de lecer e esparexemento e con tal finalidade crearanse zonas de estanza e reunión así como unha área de xogo, que permitirá a participación, interacción e desenvolvemento de habilidades dos nenos e nenas, introducidas nunha ampla superficie axardinada e vías de tránsito e de comunicación cos edificios que rodean a praza, eliminando as barreiras físicas existentes e creando itinerarios accesibles.
“Na actualidade a Praza do Barreiro ocupa dentro do barrio unha superficie de 2.500 m², configurándose en dous niveis comunicados por unha ampla escaleira central, tendo en conta que se trata dun espazo público inserido entre bloques residenciais, proponse a creación de dous grandes espazos axardinados, un ao sur orientado ao xogo e outro ao norte con zonas de descanso, deseñándose amplos sendeiros peonís, dentro nunha alameda tradicional” apuntan desde o Concello das Pontes.
O proxecto aprobado tamén contempla a mellora dos accesos aos edificios, mantendo ao mesmo tempo a privacidade nas vivendas mediante a implantación de bandas verdes axardinadas perimetrais.
Así mesmo procederase á instalación de nova canalización eléctrica e novos farois e luminarias led e tamén se executará unha rede de drenaxe de pluviais conectada á rede de saneamento municipal existente, así como a posta a cota das arquetas e pozos existentes e a colocación de novas tapas de rexistro en cada un deles.
Por outra banda instalarase unha rede de rega automática para proporcionar a auga necesaria ás zonas axardinadas e finalmente equiparase o ámbito con mobiliario urbano de plástico reciclado mediante a colocación de bancos e papeleiras.