Adxudican a metade dos contratos para o equipamento do CAM de Meira
O Goberno da Deputación deu novos pasos en relación coa rede de residencias públicas ao aprobar a adxudicación de dous dos catro lotes do contrato para o equipamento do Centro de Atención a Maiores de Meira por un importe de 43.300€: un para a dotación de equipos médicos, xogos, material pedagóxico e axudas técnicas, e o outro para pequenos electrodomésticos e material de limpeza.
Pablo Rivera indicou que “a adxudicación dos outros dous lotes restantes está pendente da presentación de documentación”. Trátase do lote para mobiliario xeral, licitado por un importe de máis de 162.200€, e do de material de lavandería, ao que a Deputación destina case 39.800€.
“Coa contratación do equipamento avanzamos no proceso para abrir a residencia de Meira, que, como xa avanzamos, prevemos poñer en funcionamento de cara ó verán”, afirmou o Deputado, quen lembrou que está en proceso de licitación o contrato para a prestación dos servizos básicos do centro cun orzamento base de preto de 625.000€.
As instalacións de Meira contarán con 30 prazas de residencia, ampliables a 38 se fose necesario, e 20 de centro de día.
Polo que respecta á rede provincial de residencias, a Xunta de Goberno tamén licitou o contrato para o subministro de gas propano nos centros de atención a maiores por un importe de 132.000€ e un prazo de duración que irá entre o vindeiro mes de setembro e o 31 de maio de 2022. “Neste contrato incluímos as residencias que hoxe temos en servizo (Trabada, Pol, A Fonsagrada e Castroverde) agás Ribadeo, porque é o Concello o que asume este tipo de gastos correntes. E tamén dará servizo aos centros que temos previsto poñer en marcha, como os de Pedrafita do Cebreiro, Navia de Suarna e Ribas de Sil”, explicou Pablo Rivera.
Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou o encargo á empresa pública Tragsa da roza das parcelas do polígono industrial Os Acivros de Chantada. Estes traballos, cun importe de 920€, levaranse a cabo para manter en boas condicións o parque empresarial previndo a posible propagación de lume forestais.