Adxudican as obras de reparación da ponte do río Chamoselo

TerraChaXa
A intervención prevista contempla a súa demolición completa e a súa substitución por unha ponte de formigón armado executado in situ
paso-rio-chamoselo-pedrafita
27 Oct 2025

O Concello das Pontes vén de adxudicar as obras de reparación da ponte do río Chamoselo, na Pedrafita, na parroquia do Aparral, á empresa Gonnaba Construcciones y Reformas S.l.

Este proxecto, cun orzamento de 96.110 euros, ten como obxectivo dar resposta aos importantes danos estruturais provocados polas fortes precipitacións rexistradas nos últimos dous anos, que derivaron nun notable incremento do caudal do río que provocaron o colapso da estrutura actual, así como dos muros de escollera que protexían a estrada, provocando o afundimento do viario.

A intervención prevista contempla a súa demolición completa e a súa substitución por unha ponte de formigón armado executado in situ, de 6 metros de luz libre e 6 metros de ancho, asentado sobre muros de escollera.

A obra tamén inclúe a reposición do firme da estrada, nun treito de aproximadamente 50 metros, co obxectivo de garantir a durabilidade e seguridade da vía tras a intervención.

Este proxecto supón unha actuación estratéxica para a mellora da seguridade viaria, especialmente para a veciñanza de Pedrafita e do conxunto da parroquia do Aparral, e enmárcase dentro do compromiso do Concello das Pontes coa conservación e modernización das infraestruturas municipais, sempre coa prioridade de garantir a mobilidade e o benestar da cidadanía.

⚙ Configurar cookies
0.076765060424805