Adxudican obras en 14 vías de cinco parroquias de Vilalba

TerraChaXa
O Concello de Vilalba deu un paso máis no seu plan de mellora continua dos viais de titularidade municipal ao adxudicar as obras de limpeza de noiros, pavimentación, rexeneración e sinalización de varias vías de titularidade municipal que discorren polas parroquias de Santaballa, Codesido, Distriz, Gondaisque e Tardaz.
28 Dec 2022

O Concello de Vilalba deu un paso máis no seu plan de mellora continua dos viais de titularidade municipal ao adxudicar as obras de limpeza de noiros, pavimentación, rexeneración e sinalización de varias vías de titularidade municipal que discorren polas parroquias de Santaballa, Codesido, Distriz, Gondaisque e Tardaz.

Son un total de 14 camiños de acceso ós barrios e núcleos residenciais das parroquias, unha rede fundamental para a circulación de vehículos lixeiros, pesados e maquinaria de todo tipo en dirección ás vivendas, explotacións agrogandeiras e parcelas agrícolas ou forestais de Vilalba.

O orzamento dos traballos é de 140.000 euros, e derivan dun acordo entre o grupo de goberno socialista e Vilalba Aberta. O continuo uso ó que se ven sometidos estes viais, así como as condicións climatolóxicas e o paso do tempo provocan que os noiros das estradas se saturen de terra vexetal, perdendo a súa forma e uso.

Isto provoca que as augas pluviais non se evacúen da plataforma da estrada, xerando danos sobre a capa de rodadura que se incrementan polo desgaste sufrido a consecuencia do paso de vehículos.

“E por este motivo polo cal resultan necesarias as actuacións previstas sobre cada vial, posto que a falta de capas superficiais de pavimento dificultan o tráfico de vehículos e peóns, incrementando o risco de caídas ou accidentes”, explica o concelleiro de Infraestruturas, Luis Fernández.

Para a mellora e mantemento das vías proponse a limpeza de noiros e tubaxes de todo tipo; a mellora da drenaxe mediante a colocación de tubaxes adicionais; o recargo e nivelación das capas base, mediante zahorra, macadam ou gravillón onde sexa preciso; a pavimentación mediante dobre ou triple rego asfáltico en toda a superficie, e a sinalización vertical das interseccións.

0.17639183998108