Afeccionados do CD Lugo contarán con autobús gratuíto para apoiar ao equipo ante o Amorebieta

O Club Deportivo Lugo, en colaboración co Concello de Pol, a Federación de Peñas, os xogadores e o corpo técnico, puxo en marcha unha iniciativa conxunta para facilitar o desprazamento da súa afección ao encontro que porá fin á tempada.
O partido, que enfrontará ao conxunto lucense coa SD Amorebieta, disputarase este sábado ás 19:00 horas no estadio de Urritxe, e será decisivo para garantir a permanencia na categoría.
Grazas ao apoio do Concello de Pol, porase á disposición dos seareiros un autobús gratuíto con capacidade para 55 persoas, reservado exclusivamente para socios do club.
O vehículo sairá o sábado ás 08:30 da mañá cara ao feudo biscaíño, permitindo así que a afección poida acompañar ao equipo nun momento clave do campionato.
As persoas interesadas en formar parte desta expedición poden inscribirse nas oficinas do estadio Anxo Carro, dentro do horario habitual (de 09:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00 horas), ata o venres. Aqueles seareiros que xa formalizaran a súa inscrición durante a semana seguirán incluídos na listaxe.
Desde a entidade lucense sublíñase a importancia do apoio da afección neste desprazamento, considerado esencial para acadar o obxectivo da permanencia.