AFIL convoca unha reunión informativa en Xermade este xoves

A Asociación Forestal do Interior de Lugo (AFIL) celebrará o este xoves, 22 de xaneiro, unha reunión informativa no concello de Xermade dirixida aos propietarios forestais da zona. O encontro terá lugar ás 20.00 horas na Escola de Cabreiros e enmárcase dentro das accións da entidade para dar a coñecer o seu proxecto asociativo e ampliar a súa base social.
A xornada consistirá nunha charla informativa na que se explicarán os obxectivos da asociación, as liñas de traballo que desenvolve e as vantaxes de formar parte dunha organización colectiva para a defensa do monte e da propiedade forestal. Ademais, a reunión servirá como espazo de encontro para resolver dúbidas e recoller as inquietudes dos propietarios forestais do municipio.
Desde AFIL destacan que se trata dunha reunión aberta, de carácter exclusivamente informativo e allea a calquera contido político, dirixida unicamente a persoas propietarias de terreos forestais. A asociación fai un chamamento á participación para fortalecer a defensa dos intereses do sector forestal no interior da provincia de Lugo e anima aos interesados a asistir ao encontro.