Afouteza de Abadín organiza clases de ximnasia e pilates a partir de outubro

A Asociación de Mulleres Rurais Afouteza de Abadín pon en marcha unha nova iniciativa dirixida a fomentar o exercicio físico e a vida saudable no municipio. A entidade organiza clases de pilates e ximnasia de mantemento, que se desenvolverán todos os venres no pavillón de Abadín a partir do mes de outubro.
As sesións estarán adaptadas a diferentes idades e impartiranse en grupos reducidos, co obxectivo de ofrecer unha atención máis personalizada. Ademais, as participantes contarán con todo o material necesario para a práctica dos exercicios, facilitado pola organización.
O prazo de inscrición estará aberto ata o día 5 de setembro, podendo formalizarse a través dos teléfonos facilitados pola asociación. As cotas mensuais establecéronse en 25 euros para socias e 30 euros para non socias, co atractivo engadido dunha clase de proba gratuíta en setembro para todas aquelas persoas interesadas en coñecer a actividade antes do seu inicio.
Con esta proposta, Afouteza de Abadín reafirma o seu compromiso coa dinamización social e a promoción de hábitos de vida saudables no rural, contando ademais coa colaboración do Concello de Abadín.