Afundación e Concello de Guitiriz abrirán a exposición 'Fauna esencial' o próximo 22 de maio

TerraChaXa
Esta colaboración é parte do proxecto Corrente cultural, que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo
exposicion-fauna-esencial-guitiriz-firma-convenio
16 May 2025

Afundación, Abanca e o Concello de Guitiriz veñen de asinar un convenio de colaboración para a realización da exposición de fotografías Fauna esencia. O acto de rúbrica tivo lugar esta mañá e contou coa presenza de Marisol Morandeira Morandeira, alcaldesa de Guitiriz; Carlos Teijeiro Pita, coordinador institucional de Abanca en Lugo; e a coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano.

Fauna esencial inaugurarase o vindeiro 22 de maio na Biblioteca Pública Municipal – Escuela Habanera, onde se poderá visitar de luns a venres, de 09.00 a 14.00 h e, ademais, de luns a xoves, de 16.00 a 18.30 h.

Esta colaboración é parte do proxecto Corrente cultural, que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de Abanca, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás localidades galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.

A EXPOSICIÓN

Afundación propón esta exposición como un chamamento á acción e á reflexión para por en valor a diversidade dos animais salvaxes, recoñecer a súa importancia para a sostibilidade do noso planeta e asumir a responsabilidade da súa conservación. Nun mundo cada vez máis consciente da necesidade de preservar o medio ambiente, Fauna esencial inspíranos a valorar e respectar as especies do noso medio, garantindo así un futuro máis harmonioso e equilibrado para todas as formas de vida na Terra.

A exposición é unha viaxe enriquecedora pola diversidade da nosa fauna. Está formada por 28 fotografías de gran formato realizadas polo naturalista Ezequiel Martínez, fotógrafo especializado en retratos naturais que colabora con numerosas publicacións especializadas. As imaxes van acompañadas de textos explicativos que recollen as características biolóxicas, do seu hábitat, costumes, alimentación, distribución xeográfica e os perigos aos que se enfrontan para a súa supervivencia. Para a súa elaboración participaron especialistas do Centro Interactivo de Educación Ambiental de Afundación, Naturnova, que elaboraron unha información que comparte rigor e espírito divulgativo, accesible a todos os públicos.

Unha exposición con grandes retratos en primeiro plano dalgunhas das especies máis significativas da Península Ibérica coma o oso pardo, a cegoña, o voitre leonado, o gamo, o cervo, a curuxa e a aguia imperial.

⚙ Configurar cookies
0.15694785118103