AGACA explica en Castro de Rei técnicas para o coidado dos maiores na casa
A actividade Coidar, coidarte organizada pola Asociación de Mulleres Rurais A Xuntanza, que se desenvolveu en Ponte de Outeiro, comezou cunha exposición sobre a situación das persoas maiores do medio rural a cargo de Ruth Rodríguez, técnica de AGACA.
Ademais, coa axuda do público, conformado por unha vintena de persoas, demostráronse técnicas para a correcta mobilización e coidado no fogar de persoas maiores ou con dependencia.
Unha característica de Galicia é a avanzada idade da súa poboación: segundo datos recompilados por AGACA, nos últimos anos, a porcentaxe de cooperativistas do sector agroalimentarios maiores de 55 anos oscila entre o 20 e o 40% dependendo do subsector.
Ante esta realidade, AGACA imparte a iniciativa Coidar, coidarte dende 2015, co impulso tamén de Obra Social “la Caixa”, como modo de dirixirse tanto ás necesidades dese tramo de poboación como ás das persoas que teñen a alguén de avanzada idade ao seu cargo.