Agader convocará as bases do Leader e as axudas do 2025 por valor de case 600.000 euros

LugoXa | TerraChaXa
As persoas interesadas de Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, A Pastoriza, Riotorto, Xermade e Vilalba poden solicitar máis información nas oficinas do GDR Terra Chá
reunion-gdr-terra-cha
24 Apr 2025

Agader publicará nos vindeiros días as bases reguladoras do programa Leader 2023-2027, así como a correspondente convocatoria de axudas para o ano 2025. Así se anunciou este mércores durante a reunión da Xunta Directiva do GDR Terra Chá.

O prazo para presentar as solicitudes será dun mes contado desde a data de publicación oficial no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Na convocatoria de 2025, o GDR Terra Chá disporá dun orzamento próximo aos 600.000 euros. Estes fondos repartiranse en tres tipoloxías de proxectos. Por unha parte, os proxectos produtivos, dirixidos a empresas, persoas autónomas e cooperativas, contarán cunha partida de arredor de 417.000 euros. Os proxectos non produtivos públicos, para iniciativas promovidas por entidades públicas, disporán de 149.000 euros. Finalmente, os proxectos non produtivos privados, destinados a asociacións ou entidades sen ánimo de lucro, terán asignados 30.000 euros.

As persoas interesadas dos concellos de Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, A Pastoriza, Riotorto, Xermade e Vilalba poden solicitar máis información nas oficinas do GDR Terra Chá, situadas na Rúa Carmiña Prieto Rouco, s/n, 27800 Vilalba, ou chamando ao teléfono 982 51 23 69.

⚙ Configurar cookies
0.16983103752136