Agricultores estudan eliminar o plástico do sistema de envasado para comercialización

TerraChaXa | AMariñaXa
Os agricultores de hortalizas da Comunidade de Madrid están a tratar de impulsar un cambio no sistema de envases co que trasladan as súas mercadorías aos intermediarios e almacenistas, na súa inmensa maioría radicados en Mercamadrid.
2 Abr 2019

Os agricultores de hortalizas da Comunidade de Madrid están a tratar de impulsar un cambio no sistema de envases co que trasladan as súas mercadorías aos intermediarios e almacenistas, na súa inmensa maioría radicados en Mercamadrid. A organización agraria UPA Madrid reclama ao Concello da capital e aos responsables desta plataforma loxística alimentaria que aproben un sistema “máis lóxico e máis sustentable”.
Na actualidade, os agricultores vense obrigados a adquirir envases de plástico no que introducen as súas hortalizas e trasládanas a Mercamadrid. Estes envases deben ser novos e estar en perfecto estado, lembran desde UPA, “se hai calquera problema cunha soa destas caixas, Madrid Saúde –o organismo que revisa o estado sanitario de todas as mercadorías– pode rexeitar todo un palé, sufrindo o agricultor as perdas”, explicaron.
Os agricultores e agricultoras asumen todo o custo destes envases, o que tendo en conta os baixos prezos das hortalizas no campo prexudica considerablemente a súa rendibilidade. Os produtores apostan por implantar un sistema de caixas reutilizables, que cun procesado de lavado e higienización poidan utilizarse varias veces, aproveitando as viaxes que os agricultores e cooperativas realizan para levar os seus alimentos.
“A sociedade enteira quere menos plásticos de usar e tirar, os agricultores tamén”, sentenciaron. “O Concello e Mercamadrid deben asumir a importancia deste problema e impulsar un cambio de sistema dunha vez por todas para lograr un Madrid máis sustentable, tamén na súa horticultura”, concluíron.

0.19570183753967