Agromuralla alerta do risco de perda de ingresos nas explotacións leiteiras coa nova PAC

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Agromuralla teme que a entrada en vigor da nova PAC para o período 2023-2027 supoña "unha perda de ingresos para as explotacións leiteiras"
vacas
18 Feb 2023

A asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla teme que a entrada en vigor da nova PAC para o período 2023-2027 supoña "unha perda de ingresos para as explotacións leiteiras".

"As ganderías imos ter que facer moito máis para cobrar o mesmo. Cumprir cos novos requisitos ambientais vainos obrigar en moitos casos a facer investimentos e a contratar un técnico para a elaboración dos plans de abonado e para adaptarnos aos ecorreximes, imprescindibles para poder manter un montante económico de fondos semellante ao que percibiamos até agora, imos ter que facer cambios nos sistemas de manexo e nas rutinas de traballo das explotacións", asegura Agromuralla.

Ademais, a asociación de gandeiros alerta da "enorme complexidade" das novas axudas propostas. "O novo esquema da PAC introduce unha enorme carga burocrática ás explotacións á hora da solicitude e xustificación destas novas axudas", aseguran.

Moitas incógnitas e incertidumes por resolver

Faltan tres semanas para que se abra o prazo de solicitude da convocatoria da PAC deste ano, o vindeiro 1 de marzo, e non foi aprobada aínda a normativa autonómica que ten que regular a aplicación da Política Agrícola Común en Galicia para o novo período 2023-2027, polo que Agromuralla acusa á Xunta de "ir tarde e a remolque", xerando "dúbidas, confusión e incertidume no sector".

"A día de hoxe a maioría de explotacións non sabemos aínda a que ecorreximes e axudas agroambientais acollernos cando está a piques de arrincar a tempada agrícola e temos que planificar os cultivos que imos facer, as rotacións, as campañas de ensilado, as compras de insumos como sementes ou fertilizantes, etc.", advirten desde a asociación de gandeiros.

"Falta a normativa galega e esperemos que veña adaptada á realidade que temos aquí, porque a Xunta sempre tira balóns fóra para Madrid, culpando de todo ao Ministerio, pero a realidade é que a aplicación da PAC en Galicia é cousa da Xunta", indica Agrumuralla.

Novas esixencias imposibles de cumprir

A nova PAC trae tamén aparellado o cumprimento de novas normativas en materia medioambiental, de benestar animal e dixitalización, como por exemplo os reais decretos aprobados a finais do pasado mes de decembro de Nutrición Sostible de Chans Agrícolas, o de Ordenación de Granxas de Vacún ou o do Caderno de Explotación Dixital.

"Esta condicionalidade reforzada pode levar a un peche prematuro de explotacións", alerta Agromuralla. "Ante o custo de adaptación ás novas normas haberá granxas que opten por abandonar a actividade", temen.

Asimesmo, consideran que estas novas normativas "non son realistas". "É absolutamente inviable tanto técnica como economicamente cubrir antes do próximo ano todos os aplicadores que habería que poñer ao censo de cisternas de purín que hai hoxe en Galicia e é imposible que estea implantado en setembro o Caderno Dixital cando non existen nin sequera a día de hoxe modelos oficiais, non ser realizou formación, a cobertura de internet é moi deficiente e os titulares das explotacións teñen unha media de idade elevada", argumentan.

0.15452599525452