Aira, unha das beneficiadas da liña de axudas de Medio Rural
Un total de 63 entidades galegas, entre cooperativas e sociedades agrarias de transformación, benefícianse este ano das axudas da Consellería do Medio Rural para a utilización de maquinaria agraria en común, tal e como anunciou a conselleira Ángeles Vázquez durante unha visita ás instalacións da sociedade cooperativa galega Aira, adxudicataria desta liña de achegas. Trátase do exercicio no que máis expedientes se aprobaron da última década.
A conselleira lembrou que o pasado mes de xullo se ampliou o crédito orzamentario para esta liña de subvencións ata os 4,8 millóns de euros, un 61% sobre o presuposto inicial, co fin de dar así resposta a todas as solicitudes que cumprían os requisitos establecidos na orde. Desta forma, salientou, o investimento realizado por estas entidades ascende a máis de 12 millóns de euros, entre compra de maquinaria e gastos derivados de estudos técnico-económicos de viabilidade.
Se analizamos os datos por provincias, tal e como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, un total de 29 beneficiarios son da provincia da Coruña, 18 de Lugo, 15 de Pontevedra e 1 de Ourense. Todos eles teñen de prazo ata o vindeiro 31 de outubro para xustificar o investimento realizado.
Ángeles Vázquez destacou a importancia destas axudas, pois permiten fomentar o uso de maquinaria agrícola en réxime asociativo na comunidade, co fin de introducir novas tecnoloxías no emprego deste tipo de equipamentos, á vez que se racionalizan os custes de mecanización, se reducen as emisións contaminantes e se fomenta o aforro enerxético. Nos últimos dez anos, a consellería destinou preto de 29 millóns de euros a esta liña de subvencións, chegando así a máis de 420 beneficiarios.
Precisamente a sociedade cooperativa galega Aira recibirá unha cantidade de 300.000 euros para un orzamento mobilizado de 614.000 euros para a compra dun tractor, autocargador, dous cabezais de herba, un carro mesturador, unha macroempacadora, unha pala telescópica e unha segadora rotativa.
AIRA SCG
A Sociedade Cooperativa Galega Aira é unha entidade de primeiro grao dende o día 1 de xaneiro de 2018, procedente da fusión das sociedades Aira, Icos, Agris, Coelplan e Cogasar. O valor contable do parque de maquinaria que ten actualmente é de preto de 5 millóns de euros, que permite dar cobertura e servizo a máis de 3.000 gandeiros e agricultores.
(Enlace á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180823/AnuncioG0426-100818-0005_gl.html)