Airiños de Orbazai emociona en Vilalba coa presentación do seu novo disco 'Orixe'

LugoXa | TerraChaXa
O acto, que combinou interpretacións musicais co baile tradicional, incluíu unha homenaxe moi especial ao grupo folk vilalbés Xorima
airinos-de-orbazai-concerto-vilalba
7 Apr 2025

O Grupo de Cantos Populares e Música Tradicional Airiños de Orbazai estreou o seu novo traballo discográfico, Orixe, este domingo 6 de abril no Auditorio Carmen Estévez de Vilalba, ante un público entusiasta que gozou durante máis de dúas horas dun espectáculo cheo de tradición, sentimento e moita música.

O acto, que combinou interpretacións musicais co baile tradicional, incluíu unha homenaxe moi especial ao grupo folk vilalbés Xorima, referente musical dos anos 80. José L. Pernas, un dos seus integrantes, subiu ao escenario para interpretar unha das pezas máis emblemáticas da agrupación, acompañado polos bailaríns da asociación anfitrioa.

Nesta presentación tamén houbo espazo para lembrar ás pandereteiras homenaxeadas no Día das Letras Galegas 2025: as de Mens, Cerceda e Muxía, figuras clave na historia musical popular do país. Un dos momentos máis emocionantes chegou da man do mozo pandereteiro Antón, quen conquistou ao público co seu dominio e enerxía coa pandeireta.

Outro dos puntos álxidos da noite foi a colaboración de Branca Villares, que puxo voz a O Carro nunha emotiva homenaxe ao grupo Fuxan os Ventos, un dos grandes alicerces da música galega contemporánea.

A presentación de Orixe consolidou unha vez máis a Airiños de Orbazai como un dos referentes actuais na defensa e difusión da música tradicional galega, nunha noite chea de emoción, homenaxe e auténtico amor pola nosa cultura.

⚙ Configurar cookies
0.17326092720032