Alba Sinde preséntase como candidata á Alcaldía de Castro
Alba Sinde Paz é a nova candidata do Partido Socialista á Alcaldía de Castro de Rei. O Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, acompañou este venres á alcaldable na súa presentación durante un encontro con compañeiros e compañeiras socialistas do municipio celebrado no castro de Viladonga no que tamén participou a Secretaria de Organización provincial, Pilar García Porto.
“Hoxe é un día moi fermoso para o Partido Socialista e para min como Secretario Xeral na provincia porque presentamos á nosa candidata ás eleccións municipais” en Castro de Rei, subliñou José Tomé, incidindo en que “a ilusión, as ganas e a preparación” de Alba Sinde “abren unha oportunidade” para este municipio.
Alba Sinde, de 21 anos de idade e estudante de último curso de Ciencias Políticas, “ten a ilusión de cambiar o seu pobo, quere estar cerca da xente, escoitar os seus problemas, e darlle unha oportunidade a Castro de Rei porque é evidente que ata o de agora está paralizado”, asegurou o Secretario provincial. “Non se está facendo practicamente nada e aquelo que se fai é financiado pola Deputación Provincial de Lugo. Non hai outra xestión máis alá do que lle achega a Deputación ó Concello, algo que non fan outras deputacións, como a de Ourense, nin a Xunta de Galicia, por exemplo. Non hai un Plan Único para Galicia, como si temos na Deputación para os concellos da provincia de Lugo”, asegurou.
O líder dos socialistas na provincia lembrou que o Concello de Castro de Rei xa foi xestionado polo PSdeG, “e da man dun gran Alcalde como foi Juan Jose Díaz Valiño, que tamén nos acompaña nesta presentación, pero que debido a diversas manobras foi apartado do Goberno Municipal”.
Así mesmo, agradeceu “o traballo e a xenerosidade” do voceiro socialista, José Luís Castro Tellado, candidato nas eleccións de 2019, que “soubo dar paso a unha persoa moza, formada, que quere loitar polo seu pobo, pola xuventude de Castro, para que poida facer o seu proxecto vital aquí”.
José Tomé destacou que coa candidatura de Alba Sinde “damos un paso máis de cara ó obxectivos que nos marcamos de manter todas as alcaldías, acadar outras novas e mellorar os resultados das pasadas eleccións municipais”. “Xa o dixen ó inicio do curso político e hoxe quero reafirmarme nesta folla de ruta”, recalcou, “porque iso é bo para os concellos, fortalece á provincia e supón que na Deputación seguirá habendo un goberno progresista presidido por unha persoa do Partido Socialista”.
O Secretario provincial do PSdeG animou a Alba Sinde a que “non decaia nesa ilusión que ten, e que xunto ós seus compañeiros e compañeiras da Agrupación Socialista, sigan loitando polo futuro que merece este pobo. O seu traballo ten recorrido. Alba ten xuventude, ganas e formación. Eu espero que os veciños vexan nela esa oportunidade que necesita o concello, que a apoien e que cando chegue o momento lle voten”.
Poñer a Castro no mapa como obxectivo principal
Pola súa banda, a candidata socialista á Alcaldía de Castro de Rei agradeceu as palabras de apoio do Secretario Xeral do partido na provincia. “Afronto esta oportunidade con moita ilusión e moitas ganas, sobre todo de conseguir un cambio, de axudar a levantar Castro de Rei. O meu obxectivo principal é poñelo no mapa e loitar pola xente nova e que poida estar orgullosa do noso concello”.
Alba Sinde quere estar “cerca da xente, próxima ás súas necesidades” e por iso, avanzou, “unha das primeiras accións que faremos será percorrer o concello para coñecernos todos, as necesidades dos veciños, e estar aí para eles”.