Alberto Ansede pasa a dirixir a Fundación Manuel María

TerraChaXa | LugoXa
O padroado da Fundación Manuel María de Estudos Galegos elixiu por unanimidade a Alberte Ansede como o seu novo presidente.
alberto ansede casa museo manuel maria portada
11 Nov 2022

A secretaría, desempeñada até agora polo novo presidente, será ocupada por Antón Laxe, actual encargado da Casa-Museo do escritor.

O padroado da Fundación Manuel María de Estudos Galegos elixiu por unanimidade a Alberte Ansede como o seu novo presidente, ocupando así a vacante no cargo provocada polo recente falecemento de Saleta Goi, viúva do escritor. A propia Saleta tivera a iniciativa de constituír a Fundación unha vez falecido Manuel María no ano 2004, co fin de reunir todo o seu legado e difundir a súa obra literaria.

A Fundación foi constituída e declarada de Interese Galego no ano 2007, adquirindo inmediatamente a casa natal do escritor en Outeiro de Rei para, despois de remodelala, abrila ao público como Casa-Museo do escritor en setembro de 2013.

Desde ese momento deposítase alí e móstrase ás persoas que a visistan todo o legado do escritor, a súa biblioteca, numerosos manuscritos, a rica documentación tanto en soporte de papel como de fotografías, audios, e vídeos ou a colección artística do propio poeta e o seu mobiliario e obxectos persoais.

Alberte Ansede traballou conxuntamente con Saleta na consecución deste obxectivo, e viña desempeñando o cargo de secretario da Fundación desde a súa posta en marcha.

O novo presidente é profesor de Filosofía e mantivo desde a súa mocidade unha intensa relación con Manuel María e Saleta, relación que se converteu en íntima amizade unha vez que o matrimonio se trasladou a vivir á cidade da Coruña onde tamén residía o propio Alberte Ansede. Foi precisamente no Teatro Rosalía desta cidade onde o escritor chairego recibiu a súa grande homenaxe en vida, precisamente da man da entidade que presidía Alberte Ansede naquel momento, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega.

O cargo de secretario vacante pasa a ser ocupado por Antón Laxe que vén exercendo desde o ano 2015 o traballo de encargado da Casa-Museo Manuel María.

Alberte Ansede manifestou que “o activo máis importante da nosa Fundación é o colectivo de persoas implicadas no seu traballo pois é o que fai posíbel sacar adiante proxectos e iniciativas que van moito máis aló do noso orzamento”. Nese sentido, afirmou, “a miña pretensión non é tanto suplir a Saleta -algo completamente imposíbel- senón contribuír como Presidente a fortalecer a dinámica deste colectivo, única garantía de que a obra de Manuel María siga presente na sociedade galega”.

Salientou, ademais, que “o traballo e actitude de Saleta desde o falecemento de Manuel María foi admirábel desde o punto de vista humano e impagábel desde o punto de vista social. Iso foi decisivo para que hoxe a Casa-Museo Manuel María sexa a matriz dun importante proxecto cultural centrado no escritor, mais que vai máis aló del”.

Como é sabido, alí celébranse, semanalmente, actividades culturais de música, teatro, cine, maxia; clubs de lectura xuvenil e de persoas adultas ou roteiros de natureza e literatura. A Casa-Museo vén publicando a obra inédita ou esgotada do escritor así como materiais para o ensino e para apoiar as visitas escolares (xogos, lecturas...); convoca concursos escolares de recitado poético e videopoemas así como importantes certames de teatro e de composicións musicais realizados sobre a obra do escritor; celebra o Convívio da Cultura Galega na carballeira emblemática de Santa Isabel en Outeiro de Rei... Todas estas son iniciativas que os novos directivos pretenden consolidar.

alberto ansede casa museo manuel maria
0.06328010559082