Alberto López deixa a dirección do primeiro equipo do Vilalbés en mans de Juan Rodríguez

TerraChaXa
O novo adestrador cumprirá a súa sexta tempada no club, no que viña desenvolvendo as funcións de coordinador da base
juan-rodriguez-garcia-novo-adestrador-vilalbes
7 Jun 2025

O Racing Club Villalbés anunciou un importante cambio no seu banco de cara á vindeira tempada. Alberto López non continuará como adestrador do primeiro equipo, logo dunha tempada histórica na que o conxunto chairego acadou a 4ª posición na liga e disputou a cuarta fase de ascenso da súa historia.

O club quixo agradecer a través dun comunicado oficial “todo o traballo e profesionalidade” de Alberto ao longo deste ano, desexándolle “moita sorte no futuro” na súa carreira deportiva.

En paralelo, a entidade vilalbesa fixo oficial o nome do novo inquilino do banco: Juan Rodríguez García (Chantada, 1989) será o encargado de dirixir ao equipo en 3ª RFEF na tempada 2025/26.

Juan cumprirá a súa sexta tempada no club, no que viña desenvolvendo as funcións de coordinador da base e adestrador do equipo infantil. Conta cunha ampla experiencia no Racing, onde tamén foi segundo adestrador dos equipos de 2ª e 3ª RFEF, ademais de adestrar a varios equipos da estrutura do club.

Ao longo da súa carreira tamén formou parte dos corpos técnicos do CD Santaballés (Rexional Preferente), SD Chantada e SD Antas, sumando xa 19 tempadas como adestrador.

Desde o RC Villalbés destacan o seu “amplo coñecemento do fútbol base e do fútbol galego, así como a súa gran capacidade de traballo”, desexándolle os maiores éxitos nesta nova etapa á fronte do primeiro equipo.

⚙ Configurar cookies
0.82925701141357