Alcaldes de concellos mariñaos reuníronse coa Consellería de Sanidade
O Concello de Foz colaborará coa Xunta de Galicia na loita contra o COVID-19 e pide datos oficiais diarios de contaxiados e confinados no municipio e máis recursos persoais e materiais para poder actuar. Así o manifestou o alcalde focense, Fran Cajoto, despois da reunión mantida, xunto con representantes doutros concellos da Mariña, co director xeral de Saúde Pública, Andrés Paz Ares.
Fran Cajoto explicou: “no día de hoxe participamos os concellos de Ribadeo, Viveiro, Cervo, Xove, Burela e Foz nunha reunión convocada pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e presidida polo director xeral, Andrés Paz Ares, que nos comentou a normativa disposta e a necesidade da implicación dos concellos. Desde o Concello de Foz trasladamos á Dirección Xeral toda a nosa colaboración coas autoridades da Xunta de Galicia para seguir traballando na concienciación e na aplicación das medidas sanitarias necesarias para conter calquera posible rebrote de COVID-19. Ao respecto, comentamos unha serie de inquedanzas, moitas delas compartidas con outros concellos: a necesidade de dispor de datos oficiais diarios de contaxiados e confinados divididos por concellos; unha toma de liderado por parte da Xunta de Galicia coas medidas a aplicar na Mariña de Lugo en función da evolución dos datos de contaxiados; coordinación por parte da Xunta de Galicia, como autoridade sanitaria dos corpos e forzas de seguridade; dotación de recursos persoais e materiais por parte da Comunidade Autónoma para apoiar ás administración locais, que somos ás máis próximas aos veciños”.
O rexedor municipal focense engadiu: “sabemos da enorme dificultade que implica xestionar unha pandemia destas características, pero pedimos que neste momento, que todas as competencias sanitarias son autonómicas, a Xunta de Galicia tome o liderado para evitar novos casos de contaxiados. Neste sentido, desde o Concello de Foz queremos recoñecer o gran traballo que están a facer os sanitarios en todo momento e trasladar unha mensaxe de precaución na poboación pero non de alarma. Lembrar: distanciamento social e uso de mascarilla en todo momento, tamén na rúa. Con responsabilidade faremos fronte común entre todos”.