Alcaldes socialistas reclaman un plan de dixitalización do rural
A secretaria provincial do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo, Patricia Otero encabezou, na parroquia lucense de Santa María de Bóveda a denuncia de alcaldes, senadores e deputados socialistas para reclamar ao Goberno da Xunta a posta en marcha dun Plan de Dixitalización para o rural da Provincia de Lugo “ante o abandono de Feijóo”.
Otero explicou que “o confinamento pola covid-19 conlevou a necesidade de empregar preferentemente o teletraballo así como o peche de escolas, puxo a proba a capacidade de resposta do noso sistema educativo e a posibilidade de traballar dende as nosas vivendas”. A secretaria provincial criticou “que moitos veciños e veciñas carecen ou teñen mala cobertura de telefonía móbil e internet, o que supón unha discriminación social, que incide directamente na perda de emprego e no despoboamento do rural”.
Afirma que dende o Grupo Socialista “consideramos un dereito ter unha sinal adecuada de telefonía móbil e internet, vivas onde vivas. A dixitalización do mundo rural é clave para o seu desenrolo, tanto para avanzar en competitividade e sostibilidade, como para facer fronte ao despoboamento”.
Así as cousas advirte que “para conquerir estes obxectivos é fundamental superar a fenda dixital que existe entre o rural e o urbano. Esta dixitalización ten que converterse nunha prioridade se de verdade queremos apostar dun xeito real e decidido polo noso rural, e non só con slóganes e propaganda como adoita facer o Partido Popular de Galicia”.
Patricia Otero reclama ademais que “os fondos europeos destinados á dixitalización que se van transferir ás comunidades autónomas vaian condicionados tendo en conta ás entidades locais, é dicir, ás Deputacións e ós concellos da provincia de Lugo”.
Iniciativas no Parlamento de Galicia
A secretaria provincial e deputada autonómica avanzou ademais que presentará unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para demandar a aprobación deste Plan de Dixitalización ao PP. “Non vamos a quedarnos de brazos cruzados mentres hai parroquias da provincia de Lugo que non teñen cobertura de ningún tipo, así non se defende nin se impulsa o rural”, lamentou.
Jose María Arias, alcalde de Castroverde, que fixo de voceiro dos alcaldes afectados, denunciou “que en pleno século XXI, coa pandemia do covid-19, puidemos comprobar como os concellos do rural lucense están completamente abandonados polo Goberno de Feijóo. Ao presidente da Xunta só lle interesa vir pasearse á nosa provincia cando hai eleccións, despois, pasou o día e pasou a romaría. Aquí seguimos esquecidos, sen cobertura, sen dotacións públicas, sen boas vías de comunicación e con recortes en servizos fundamentais como a sanidade e ou a educación”, espetou o alcalde.
Carta a Núñez Feijóo
Arias avanzou tamén que os rexedores socialistas da provincia de Lugo enviarán unha carta ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, co fin de obter axudas para a dixitalización, así como melloras de infraestruturas tecnolóxicas no rural lucense, e garantir unha conectividade dixital adecuada ao 100% da poboación con independencia do seu lugar de residencia.
Alcaldes, Deputados e Senadores
Patricia Otero estivo acompañada na parroquia lucense de Santa María de Bóveda do Concello de Lugo de alcaldes, senadores e deputados socialistas da provincia. Ao encontro asistiron o presidente da Deputación de Lugo e alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca e o secretario de Organización do PSdeG, José Antonio Quiroga. Así como os alcaldes e alcaldesas socialistas da provincia como a de Lugo, Lara Méndez; Vilalba, Elba Veleiro; Foz, Francisco Cajoto; Guitiriz, Marisol Morandeira; Fonsagrada, Carlos López; Castroverde, Jose María Arias; Láncara, Darío Piñeiro; Xermade, Roberto García; Meira, Antonio de Dios; Alfoz, Jorge Val; Cervantes, Benigno Gómez; Trabada, Mayra García; Navia de Suarna, José Fernández; Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo; Ourol, José Luís Pajón, os concelleiros da Pontenova, Pastoriza e Lugo respectivamente, Isabel Couto, Tino Fernández e Miguel Fernández.
Así como os deputados no Congreso pola provincia de Lugo, Ana Prieto e Javier Cerqueiro, o senador Cesar Mogo, o deputado Autonómico Luís Álvarez e o deputado Provincial Pablo Rivera.