Alcoa ofrece aprazar o peche da factoría cervense
Esta tarde a empresa Liberty House concretará o seu plan industrial ante a Xunta de Galicia e traballadores da factoría cervense, para o que incluirá a compra das dúas fábricas, a de aluminio e a de alúmina.
A multinacional americana ofrece dúas propostas, por unha banda manter o ERE para un máximo de 534 traballadores da planta de aluminio e hibernar as cubas así como iniciar un proceso de venda esixindo ao comprador a incorporación dos traballadores. E pola outra, facer un ERTE para os 534 traballadores ata o 31 de xullo de 2022, hibernar as cubas polo menos 120 días, iniciar o proceso de venda durante 9 meses e tralo suposto de vendela comprométese a arrincar outra vez as cubas e no caso negativo, é dicir, se a venda fracasa, e se as condicións de mercado son favorables cun prezo competitivo, valorarían a posibilidade de volver arrincar as cubas incorporando aos traballadores do ERTE.
Segundo, José Antonio Zan, Alvance Aluminium do grupo Liberty House non quere comprar coa fábrica parada, así, na tarde de hoxe coñecerase o alcance da oferta e o seu plan de viabilidade e nela participará o xefe de operacións, Arnaud de Weert, que poderá explicar aos representantes sindicais o seu proxecto para a fábrica.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria en funcións, Francisco Conde, mantivo un encontro con representantes de Liberty House tralo que pediu ao Goberno e á multinacional que se sumen á senda do acordo para permitir darlle unha solución á planta da Mariña.
O conselleiro explicou que constátase que hai unha posible solución e un plan industrial para Alcoa que permite darlle continuidade á planta de produción de aluminio primario e aos mil empregos que dela dependen.
Por iso, a raíz de coñecer esta nova proposta, Conde reclamou ao Goberno que retome de xeito inmediato a mesa multilateral para constatar as necesidades do plan industrial, necesidades que están vinculadas á un marco enerxético estable: “Necesitamos o compromiso efectivo do Goberno a través dun marco eléctrico que dea viabilidade á planta”, asegurou.
En canto a Alcoa, a autoridade laboral reiterou a súa petición para que a empresa retire o ERE, outorgando o tempo necesario para facer efectiva esta operación de compra-venda: “Volveremos facer unha advertencia para que, á luz da información e do plan industrial trasladados por Liberty House, Alcoa retire o ERE e se aveña a unha solución ordenada e a unha solución industrial que garanta o mantemento do emprego”, finalizou.