Alertan da desaparición do ecosistema dos cabalos salvaxes en Galicia

TerraChaXa | AMariñaXa
A UDC analizou os casos da Serra da Groba, en Pontevedra, e da Serra do Xistral, en Lugo, onde “os besteiros afrontan problemas”
serra do xistral cabalos
10 Dec 2021

A UDC analizou os casos da Serra da Groba, en Pontevedra, e da Serra do Xistral, en Lugo, onde “os besteiros afrontan problemas de diversa índole que comprometen a supervivencia deste ecosistema de gran valor”

O sistema tradicional dos cabalos salvaxes, ou bestas, en Galicia está en perigo. O proxecto Life GrazeLIFE, unha iniciativa financiada pola Unión Europea que promove a xestión sustentable do territorio mediante o pastoreo e o uso de grandes herbívoros, alerta de que “deben tomarse accións para previr o colapso do sistema tradicional de bestas en Galicia”. “Debemos dar o paso xa, antes de que sexa demasiado tarde”, alerta este estudo no que participou un equipo de investigadores da Universidade da Coruña (UDC) liderado polo profesor Jaime Fagúndez e que leva por título Os cabalos salvaxes de Galicia. Contexto socio-económico e beneficios ambientais. O caso de estudo de Galicia no proxecto Grazelife (LIFE18 PRE NL 002).

 O equipo de científicos da Universidade da Coruña integrado por Jaime Fagúndez, Laura Lagos, José Antonio Cortés Vázquez e Flávia Canastra presentou hoxe vía online ante a Comisión Europea as conclusións deste traballo. A UDC é socia do proxecto Life GrazeLIFE, unha iniciativa europea con socios en oito países que se desenvolveu entre os anos 2019 e 2021 e contribuíu co estudo dos cabalos salvaxes de Galicia fronte a outras alternativas de xestión do monte. A conclusión é clara: ou as Administracións públicas toman medidas urxentes ou a curto prazo chegará o colapso do ecosistema de cabalos en liberdade en Galicia, que aporta biodiversidade, altas taxas de almacenamento de carbono e baixo risco de incendios fronte a modelos baseados na repoboación forestal ou no abandono de terras. Os científicos da UDC, no seu informe, plantexan, como posibles solucións eliminar o microchipado nestes animais, aplicar medidas para reducir accidentes de tráfico e outros conflitos, fixar o pago por presenza de lobos, modular o sistema de axudas da PAC ou limitar a explotación forestal nestes territorios.

Os expertos elixiron como áreas de traballo a Serra da Groba, no sur da provincia de Pontevedra; e o sur da Serra do Xistral, no norte da de Lugo. Escolleron esta zonas porque representan as dúas situacións das bestas en Galicia. No norte, no entorno dos concellos de Abadín e Vilalba, un espazo da Rede Natural 2000 dominado por queirogais húmidos e turbeiras nos que as bestas son de gandeiros profesionais de vacún e hai presenza de lobo. No sur, no entorno do concello de Oia, unha zona con clima máis cálido e seco, con repoboacións forestais e frecuentes incendios. Os cabalos son propiedade de besteiros non profesionais e os curros son acontecementos sociais de calado. Temos así a representación dos distintos ecosistemas de Galicia, máis húmido e máis seco. 

A principais conclusións dos investigadores levadas a Burelas falan dos beneficios que xeran os cabalos salvaxes de Galicia, que “poden contribuír a resolver algúns dos problemas derivados da emerxencia climática, da despoboación e o vailerado do rural e da crisis de biodiversidade”. Pero, iso si, “se a Unión Europea e os seus Estados Membros”, en definitiva as diferentes Administracións públicas, “se comprometen a aplicar as políticas e normativas dun xeito máis eficaz”. O investigador Jaime Fagúndez alertou ante a Comisión Europea que se non se poñen en marcha unha serie de accións, a curto prazo “pode desaparecer” este sistema tradicional de cabalos en liberdade na comunidade autónoma galega, que “é un legado cultural único de gran conexión coa historia de Galicia, a súa paisaxe rural e os valores naturais”. O equipo de investigadores, a través do seu traballo, lanza a mensaxe de que “a poboación galega e os seus dirixentes políticos a todos os niveis temos e teñen a responsabilidade de salvagardar este tesouro para as xeracións futuras”.

O sistema de bestas en Galicia xera beneficios e é eficiente fronte a alternativas como a repoboación forestal, a gandeiría sobre pastizais artificiais ou o abandono de terras. O traballo Os cabalos salvaxes de Galicia. Contexto socio-económico e beneficios ambientais lembra que “as áreas de pasto das bestas inclúen diferentes tipos de queirogal que achegan valores ecosistémicos como unha gran biodiversidade, altas taxas de almacenamento de carbono e baixo risco de incendios”. Estes grandes herbívoros en liberdade, ademais, aportan externalidades positivas. Cales? Pois que ao consumir especies arbustivas, principalmente toxo, aumentan a calidade dos pastos e reducen así os custos de roza mecánica para a prevención de incendios, segundo Life GrazeLIFE.

O traballo feito coa financiación da UE e dentro do proxecto Life GrazeLIFE, baseándose nos valores culturais e nos beneficios ambientais asociados, propón “unha regulación específica para os territorios galegos con este sistema tradicional”. As recomendacións detalladas polo informe da UDC e que precisan do compromiso e implicación das Administracións públicas serían, entre outras, o impulso do turismo de natureza asociado aos cabalos; que os animais poidan estar no monte sen necesidade de microchip, excepción recoñecida no Regulamento Europeo EU 2015/262 para as poboacións de équidos que viven en liberdade ou semi-liberdade; o establecemento de medidas como peches perimetrais para evitar accidentes nas zonas próximas a estradas; a mellora da sinalización de tráfico para advertir da presenza de bestas; un sistema público de seguro a terceiros para cabalos en liberdade; o pagamento por presenza de lobos en lugar de indemnización de danos por cada ataque; axudas da Política Agraria Común (PAC) baixo o criterio de conservación do hábitat; cambios no cálculo da carga gandeira cando hai bestas e evitar a transformación dos queirogais en usos de menor valor ecolóxico e cultural como os eucaliptais ou pastizais artificiais”.

“Estas e outras medidas deben garantir a protección das poboacións existentes de bestas nas montañas de Galicia, e os bens e servizos que nos achegan a toda a sociedade galega”, conclúe o informe Os cabalos salvaxes de Galicia.

0.078266143798828