Álex Pernas presenta en Vilalba o seu novo libro 'Paspartue'

TerraChaXa
O acto terá lugar na Casa da Cultura de Vilalba e contará coa intervención do autor e de Marisa Barreiro, presidenta do Iescha
alex-pernas-paspartue
3 Feb 2025

O vindeiro venres, 7 de febreiro de 2025, ás 20:00 horas, o Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), en colaboración co Concello de Vilalba, organiza a presentación do libro Paspartue, do escritor coruñés Álex Pernas. O acto terá lugar na Casa da Cultura de Vilalba e contará coa intervención do autor, Alex Pernas, e de Marisa Barreiro, presidenta do Iescha.

"A primeira vez que naceu fíxoo nun primeiro de xaneiro. Ás cero horas, cero minutos, e cero segundos, viu por primeira vez a luz o primeiro dos Paspartues. O primeiro dunha estirpe maldita, escrava dun lúgubre destino. Esta é a historia dunha obsesión, dunha fixación enfermiza por outra alma, por outro ser ao que perseguirá ao longo dos anos e das vidas. Un relato atroz no que o renacer está inevitablemente ligado á repetición, e no que os propios froitos da maldición serán os que propicien que o pesadelo nunca teña fin."

Nado na Coruña en 1986, Álex Pernas desenvolve a súa carreira profesional como enxeñeiro de software. No ámbito literario, publicou as novelas Xarfas (2018) e Paspartue (2024), así como os libros de relatos A Paga (2022) e De entre as tebras (2023).

No ámbito musical, formou parte de varias bandas como TST (heavy metal), Ad Intra (doom/death metal), Os Relámpagos de Nós (rock) e Oymyakon (groove/death metal), na que segue na actualidade.

Ademais, colaborou con diversas asociacións e movementos de activismo.

0.17240500450134