Álex Pernas presenta este venres en Vilalba o seu novo libro

TerraChaXa
O venres 3 de maio ás 20:00 horas na casa da cultura de Vilalba, o Instituto de Estudos Chairegos organiza a presentación do libro De entre as tebras, do coruñés Álex Pernas, un libro de relatos no que, camiñando da man dos seres e lugares da mitoloxía galega, amosa o máis escuro da condición humana nuns textos nos que nada é o que semella.
CARTAZ DE ENTRE AS TEBRAS
28 Abr 2024

O venres 3 de maio ás 20:00 horas na casa da cultura de Vilalba, o Instituto de Estudos Chairegos organiza a presentación do libro De entre as tebras, do coruñés Álex Pernas, un libro de relatos no que, camiñando da man dos seres e lugares da mitoloxía galega, amosa o máis escuro da condición humana nuns textos nos que nada é o que semella. Intervirán o propio autor, Alex Pernas, e Marisa Barreiro, presidenta do Iescha.

O libro está composto de 19 relatos centrados, cada un deles, nun ser, lugar, ou obxecto da mitoloxía galega. Cada un dos relatos está ambientado nun lugar diferente da nosa xeografía, percorrendo dende aldeas illadas nos Ancares ata cidades coma Compostela, dende o mar de Viveiro e Muxía ata as terras de Chantada ou Valdeorras, unindo o mundo urbano co rural e o interior coa costa.

A temática dos textos é tamén variada, neles podemos atopar as vivencias de mulleres de comezos do século XX; noutros podemos ver a vellez dun home durante os anos 60 do mesmo século ou a adolescencia de diferentes xeracións, coma boomers, millenials, ou zetas. Nestes relatos están tratadas tamén diferentes problemáticas sociais coma o acoso escolar, a gordofobia, o estigma das enfermidades mentais ou o machismo.

Estando autoeditado, o libro pódese comprar en papel en formato de tapa branda e Kindle, ademais de estar dispoñible de forma gratuíta en formato EPUB.

0.17531681060791