Alfonso Rueda reivindica un PP con ADN vilalbés e aposta por Sandra Vázquez
Estivo onte no mitin en Vilalba no que participou tamén o secretario xeral provincial do PP de Lugo, Javier Nodal.
O presidente de la Xunta, Alfonso Rueda, e o secretario xeral provincial do PP de Lugo, Javier Nodal, apoiaron a Sandra Vázquez nun mitin na capital vilalbesa, onde reivindicou un PP con ADN vilalbés e aposta "por Sandra Vázquez para que a capital da Terra Chá volva exercer como tal".
Alfonso Rueda asegurou que Vilalba necesita unha segunda vida da man de Sandra Vázquez para "volver recuperar a actividade da cabeceira de comarca, a súa puxanza comercial e cultural e volver exercer de capital da Terra Chá".
Poñendo en valor a ampla experiencia da candidata, o líder dos populares galegos afirmou que votar ao PP "é votar por máis servizos, máis economía, máis rural desde a estabilidade, o sentidiño, o rigor e a acción de goberno".
A vila precisa, tal e como indicou, "un goberno que crea nela como fixeron os gobernos de Agustín Baamonde e Gerardo Criado, como fará o goberno de Sandra Vázquez a partir do 28 de maio".
Rueda asegurou que o PP é a única alternativa tanto en Vilalba como en Galicia fronte a un PSOE "que cambia de criterio cada día e que só está unido en apoiar a Pedro Sánchez, un BNG que busca afastar aos galegos do resto de España e duns Podemos e mareas que crean un partido novo con nome diferente cada media hora".
En contraposición a esta división, os populares defenden uns gobernos unidos para funcionar mellor e buscar á súa vez a unidade do pobo e, polo tanto, nestes comicios os galegos deberán elixir entre repetir nos concellos coalicións que non funcionan ou o proxecto dun PP con ADN vilalbés.
Alfonso Rueda concluíu que é o momento de que volva o PP a Vilalba para volver demostrar que é un partido de maiorías, para que a vila volva ao lugar que merece e para sumar con Sandra Vázquez unha nova alcaldesa ás súas filas.
A candidata á alcaldía apelou ao voto "do sentidiño, da xestión, do traballo, da humildade e a vontade de escoitar e atender aos veciños: Ese é o voto ao PP”.
Sandra Vázquez sinalou que “se os veciños escolleron a papeleta do PP nas autonómicas e nos dan agora a súa confianza, lograremos acadar unha nova maioría absoluta en Vilalba” e pide “un último esforzo”.
O PP aposta por unha Vilalba “con futuro” da man dun equipo de vilalbeses e vilalbesas das distintas parroquias que conforman unha candidatura renovada “con xente nova que aporta aire fresco e tamén por persoas que saben o que é ter responsabilidade de goberno”.
“Temos os pés na terra, moitas ganas de traballar e estamos preparados para gobernar”, resumía Vázquez.
A candidata márcase como piares fundamentais do seu programa e de goberno a promoción dunha maior actividade económica, a prestación de servizos de calidade atendendo ás necesidades dos veciños e unha maior atención ao rural.
“Todo o que ofrecemos e desde a vontade de escoita activa, como viñemos facendo nos últimos anos nos encontros con asociacións e colectivos ata trasladar as demandas dos vilalbeses ao noso programa electoral”, explicou.
Sandra Vázquez reiterou a súa aposta por atender á realidade dos vilalbeses para aplicar medidas que permitan “construír entre todos unha Vilalba da que nos sintamos orgullosos e na que poidamos traballar e desenvolver a vida nas mellores condicións”.
Neste sentido aspira a formar “un goberno próximo e dialogante que ofreza respostas ás necesidades que lle plantexen os veciños á administración local”, así como desenvolver unha xestión eficiente e responsable e defender os intereses de Vilalba e os vilalbeses tamén ante o reto de administracións.
A candidata á alcaldía lembrou que o PP gobernou en Vilalba nos últimos anos da man de tres alcaldes que conseguiron maiorías aplastantes que lograron o que ten hoxe o concello como, por exemplo, un polígono industrial onde se asentan empresas que xeran emprego, un auditorio que é “a envexa de vilas máis grandes”, instalacións deportivas de referencia, un centro ocupacional ou máis de 2.000 quilómetros de vías municipais.