Alfoz comeza o curso escolar cun amplo programa de igualdade
O Concello de Alfoz comeza o curso escolar con novas axendas coeducativas para todos os niveis. Este ano, aínda que seguen a liña das do curso anterior con contidos similares para fomentar a igualdade, están adicadas á ciencia para promover as habilidades STEM sobre todo entre as nenas e rapazas, información de páxinas web, blogs, cursos, etc.
Estes recursos están dispoñibles en internet clasificados por etapas educativas e ademais incorporan códigos QR para facilitar o acceso aos enlaces na rede.
Os modelos de educación infantil e primaria entregaránse no Ceip Plurilingüe Castro de Ouro, o modelo dos "maiores" entregarase no IES Alfoz-Valadouro a todo o alumnado e tamén estará dispoñible no Concello e Biblioteca Municipal para os estudantes de BAC, FP e grados empadronados en Alfoz.
Ademais, continuarán co proxecto iniciado o curso anterior, Igualabot. No que se aprende igualdade con robótica dotando de materiais a Educación Primaria do Ceip Plurilingüe Castro de Alfoz.
Por outra banda, haberá un ciclo de cine para a igualdade os domingos 13, 20 e 27 de setembro ás 19.00 horas no salón de actos da casa da cultura no que se proxectará Miss Agente Especial, Mi querido Frankie e Quiero ser como Beckham, aptas para todos os públicos. Este ciclo é de entrada libre pero respectando os aforos e normativa de prevención do covid-19.
Tamén contarán cun obradoiro de cine dirixido ao alumnado do IES Alfoz-Valadouro, é dicir, estudantes da ESO e está dentro do programa de igualdade municipal no que se ofertará unha actividade de creación cinematrográfica que se levará a cabo de finais de setembro a finais de outubro, fóra de horario lectivo. A información e inscricións entregaranse directamente no centro educativo.