Alfoz, Mondoñedo, Outeiro de Rei e Sober reciben a bandeira verde á conservación da paisaxe

TerraChaXa | LugoXa | RibeiraSacraXa | AMariñaXa
Recoñece así o seu esforzo e a súa implicación, así como dos seus veciños, na protección da paisaxe e o patrimonio natural.
bandeira verde paisaxe
7 Oct 2021

A Xunta vén de fallar a concesión dunha bandeira verde de Galicia aos concellos lugueses de Alfoz, Mondoñedo, Outeiro de Rei e Sober, co fin de recoñecer o seu esforzo e a súa implicación, así como dos seus veciños, na protección dos elementos máis representativos da Comunidade galega: a paisaxe e o patrimonio natural.

Nesta segunda convocatoria tamén foron distinguidos os municipios de Curtis, Ordes e Parada do Sil, que acadan por primeira vez a bandeira verde de Galicia; mentres que Porto do Son e Moaña revalidan este recoñecemento, despois de que na primeira edición –a de 2020- foran os primeiros e únicos concellos que ondearon o distintivo.

O devandito recoñecemento, creado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, estaba aberto a todos os concellos de Galicia que desenvolveran actividades relacionadas coa ordenación territorial, a protección do medio ambiente, o cambio climático, a eficiencia enerxética, a xestión responsable dos residuos, así como accións de sensibilización e comunicación para concienciar aos veciños da importancia de actuar e avanzar nestes eidos.

Deste xeito, distínguese ás entidades locais máis dinámicas neste eido, desenvolvendo boas prácticas para o coidado da súa contorna, o respecto á paisaxe, a redución das súas emisións de CO2, o fomento da correcta xestión do lixo, a adopción de medidas para garantir a integridade e limpeza de espazos de interese, a posta en valor de monumentos naturais ou a redución do consumo enerxético.

Con estes galardóns, o Goberno galego quere premiar a aqueles concellos que destacan polas súas boas prácticas ambientais de conservación e protección da paisaxe, ao tempo que se converte nunha correa de transmisión entre o traballo que fan as administracións locais e a implicación da cidadanía.

Así mesmo, son un xeito de poñer en valor a rica e extensa diversidade paisaxística de Galicia e de apuntalar a idea de Galicia verde.

0.16392517089844