Alfoz prepara a gran Festa dos Chóferes
O Concello de Alfoz prepara unha das principais citas do seu verán, a Festa dos Chóferes, á que adoitan acodir centos de vehículos de todo tipo para recibir as bendicións dos párrocos. A cita terá lugar os vindeiros 1, 2, 3 e 4 de agosto e conta con novidades, xa que ás nove da noite do primeiro día de agosto, no salón da casa da cultura, desenvolverase o cuarto festival de música vocal 'Arcadio Mon', en memoria do alfocense que dirixida distintos grupos musicais nomeadamente en Foz.
O día 2 será o adicado á xuventude. Ás 21 horas haberá unha gran sardiñada, a prezos populares, e despois actuará a Discoteca Móbil Decibelios ademais do concerto de pop e de rock que ofrecerá Claxxon.
O sábado día 3 de agosto, ás 11.00 horas, sairán en procesión os coches polas parroquias do concello para asistir á misa solemne das 13.00 horas, trala que o párroco bendecirá os automóbiles desprazados. Os mellor engalanados recibirán premio. Haberá tamén xogos populares para os nenos, como os pintacaras ou os de bolas. A orquestra Alianza tocará na sesión vermú e xunto coa Ibiza amenizarán ambas a verbena.
Xa o domingo día 4 está programado un desfile de coches clásicos pola localidade. A orquestra Brujas amenizará a sesión vermú e pola tarde, haberá xogos populares para os máis cativos, así como actuación da Banda de Música de Foz, ás 18 horas.
E xusto a esa hora, ás 18.00 horas, comezará o triangular de fútbol que enfrontará o Viveiro CF, ao SD Burela e ao Atlético Lourenzá.
Ás 21.30 a verbena porá o broche final a esta festa coa actuación do grupo Brujas.
A comisión dispón de 1.200 metros cadrados de carpa, con corriente eléctrica e doutros 4.000 metros cadrados de zona de campada. Veciños e Deputación colaboran cunha festa que organiza o Concello.