Alfredo Llano anuncia que o Concello solicitará unha axuda especial
O alcalde, Alfredo Llano, agarda que a vindeira semana Burela recupere tamén a liberdade da mobilidade ao igual que aconteceu noutros seis municipios da Mariña. O rexedor subliña que seguen a descender os casos de positivos e os que se atopan en seguimento nas súas casas. Os positivos hoxe son 116 en Burela. Alfredo Llano anunciou que o Concello solicitará unha axuda especial para facer fronte ás perdas económicas ocasionadas por este confinamento, que no caso de Burela aínda se prolongará uns días máis. Para abordar esta posibilidade o rexedor manterá un encontro con técnicos municipais e con representantes de Acia Burela o vindeiro venres, 17 de xullo.
O alcalde burelés dixo que “derivado do informe do comité clínico no que os técnicos din o que está pasando na Mariña, se decidiu que todos os concellos, excepto Burela, recuperen a normalidade en cuestión de mobilidade. No que respecta ao cumprimento de horarios, os aforos, a disciplina que hai que ter co distanciamento social e para ir ás praias vai seguir exactamente igual. Burela en cambio segue nunha burbulla durante uns cantos días”.
Llano subliñou que “van baixando dunha formar espectacular o número de positivos. Hoxe aínda temos 116, esperemos que mañá xa baixen moito e así sucesivamente porque agora xa está rematando a corentena daquela xente que era positiva e a que estaba confinada, polo tanto si que se vai notar e estamos todos á expectativa de recuperar a normalidade o antes posible e que este brote quede controlando tendo cero positivos e cero confinados. Calculo que o luns volveremos analizar todos os datos que vai haber, se vai indo veremos se a partir desa data podemos xa normalizar tamén a situación en Burela, que o estamos desexando”.
O rexedor sinalou que “a xente de Burela se está comportando dunha maneira exemplar. Está gardando todos os protocolos e está colaborando en todo aquilo que nos sirva para ter controlados os contaxios. Estamos procurando non favorecer baixo ningún concepto, en ningún lado, os contaxios e iso vai permitir que isto vaia para abaixo. Tamén os confinados e os que son positivos están respondendo ben, están tratando de levar todo da mellor maneira posible de tal xeito que entre todos, compartindo a responsabilidade, imos garantir que este brote salga o antes posible de Burela e da Mariña. Espero que a partir da semana que ven xa poidamos normalizar a situación que é o que desexamos”.
Alfredo Llano anunciou que “dado a extraordinaria perda socioeconómica que se está producindo, vou facer unha reunión cos responsables da asociacións de comerciantes, hostaleiros e autónomos para ver a necesidade de pedir unha axuda especial que favoreza todo o desequilibrio que produce o virus e o brote que houbo na Mariña, e sobre todo en Burela. Penso que é de xustiza, tal e como está o comportamento da xente aguantando negocios, e cremos que hai que equilíbralo todo. Agora mesmo o que importa é acabar co virus e coa súa propagación, pero tamén hai que ter en conta o equilibrio socioeconómico que deriva de toda esta circunstancia e polo tanto temos que buscar un xeito de compensación porque se está sacrificando bastante todo o mundo para erradicar dunha forma definitiva este brote”.