Alfredo Llano fixo un balance moi positivo do inicio da celebración da feira Expomar

TerraChaXa | AMariñaXa
O alcalde de Burela, Alfredo Llano, fixo un balance moi positivo das primeiras horas de celebración da XVIII Feira Monográfica Náutico Pesqueira Expomar.
10 May 2019

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, fixo un balance moi positivo das primeiras horas de celebración da XVIII Feira Monográfica Náutico Pesqueira Expomar. Llano subliñou que é un dos eventos máis importantes do Estado español, fixo referencia a que nas xornadas técnicas se abordan temas como o futuro do sector pesqueiro e aludiu á importancia de que hoxe se celebrese, en Burela, o Consello Galego de Pesca. O rexedor convida a visitar Expomar, na nave de redes no peirao burelés, ata o vindeiro domingo.

Llano dixo que “a Feira Expomar, a feira náutico pesqueira quizais máis importante agora mesmo no estado español, está tendo un éxito extraordinario. Nesta edición número 18, xa cumprimos a maioría de idade, ten unhas connotacións e unhas singularidades moi diferenciadas do que viña sendo habitual porque hai máis expositores derivado da demanda do propio sector, que quixo vir aquí porque ve que esta feira pode ser fundamental para os seus intereses comerciais, de investigación, etc...”.

O tamén presidente da Fundación Expomar sinalou que “estamos moi contentos e moi satisfeitos de como se está desenvolvendo a Feira Expomar deste ano. Imos estar abertos ata o domingo, día 12, ás 14:00 horas, e mentres tanto imos tratar de aproveitar todo o que se expón, todas aquelas oportunidades de facer cousas aquí en Burela e tamén nas xornadas técnicas. Nesas xornadas técnicas onte foi todo relativo a temas de carácter sociolaboral, e hoxe vai ser exclusivo do sector pesqueiro con temas como o Brexit, os descartes, os retos e os desafíos do sector para os próximos dez anos e a política pesqueira común. Hoxe tamén imos ter o encontro dos empresarios do sector. Veu moita xente a esta xuntanza, o que significa que hai preocupación e interese porque realmente están preocupando certos temas. Van debater e sacar unhas conclusións finais que darán a coñecer ao mediodía”.

O rexedor burelés manifestou que “tamén temos a sorte de contar co Consello Galego de Pesca, que é unha boa oportunidade que se veña a facer aquí. Estamos contentos, xa hai moita xente visitando o recinto que este ano ten moito que andar porque son 140 stands máis 350 marcas representadas. Hai de todo, propulsores, electrónica, seguridade, servizos, unhas hélices extraordinarias, e eu penso que se van facer transaccións económicas e desde logo negocio porque para iso se fai a feira. Este ano tivemos que ampliar a 4.000 metros cadrados de exposición a capacidade na nave de redes do porto derivado da demanda que había. Iso quere dicir que pouco a pouco esta feira se vai consolidando como unha das importantes de todo estado e que cada vez é máis internacional porque hai moitas marcas e profesionais que veñen de Europa e incluso hai unha representación caboverdiana”.

Alfredo Llano quere “animar a toda aquela xente que sexa profesional do sector náutico pesqueiro a que se achegue, e tamén mañá e o domingo pode ter a oportunidade toda a xente de Burela e da Mariña de facer unha visita a este recinto”.

O horario de visita hoxe, venres, e o sábado é de 10:30 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas e o domingo de 10 a 14 horas. Esa xornada terá lugar un acto de recoñecemento público ás doce e media do mediodía e á unha da tarde será cando o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, clausure Expomar 2019.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.20082497596741