Alumnado de Ribadeo visita unha granxa da Pastoriza dentro do programa da Vicepresidencia da Deputación

O deputado Daniel García achegouse esta semana á gandería Castelo, en Rigueira, na Pastoriza, onde se desenvolveu unha das actividades formativas do programa Da Escola á Granxa da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Corenta alumnas e alumnos de alumnas e alumnos de primaria do CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo participaron na actividade da man da ANPA A Faxarda, unha das 73 asociacións de nais e pais de toda a provincia que se sumaron á cuarta edición do programa.
As nenas e nenos coñeceron o día a día desta granxa familiar de leite, desde a alimentación ata o muxido con robot, nun percorrido pensado para transmitirlles a importancia da gandería na produción de alimentos.
Tamén probaron o muxido manual nunha “vaca” de cartón pedra e recibiron o recoñecemento simbólico de “gandeirx por un día”, actividades de dinamización preparadas por Laura e Natalia Camiño, terceira xeración á fronte da granxa, convencidas da importancia de visibilizar a gandería como unha actividade atractiva e moderna para a rapazada.
Daniel García sinalou que “temos o reto de converter a ilusión co que as nenas e nenos están participando hoxe nesta actividade en vocacións e relevo xeracional ou, polo menos, nunha valoración actualizada e moderna da gandería, libre dos estereotipos que arrastramos xeracións enteiras, e Laura e Natalia son un espello no que mirarse”.
A cuarta edición do programa Da Escola á Granxa conta coa participación de 45 granxas repartidas por toda a provincia e dedicadas a actividades diversas, desde a produción de froita e produtos de horta ata a cría de gando vacún, ovino, cabrún, avícola ou cabalar, a produción de leite ou a elaboración de queixos e marmeladas.
As granxas configuran a oferta formativa do programa, dirixido a anpas de centros educativos de toda a provincia, que reciben financiamento para o desprazamento. O programa pechará a finais de ano cun total de 200 actividades realizadas e a participación de máis de 7.000 alumnos e alumnas de infantil e primaria.