Alumnos da UNED Sénior Coruña visitaron a fortaleza de San Paio de Narla

LugoXa | TerraChaXa
Recibiron a clase de historia in situ dentro do programa Coñecer Galicia a través dos museo
visita-san-paio-de-narla-uned-senior
9 Out 2024

Medio cento de alumnos da UNED Sénior Coruña, acompañados do coordinador e titor da materia de Historia, recibiron a súa clase na fortaleza de San Paio de Narla para coñecer en profundidade o pasado deste emblemático lugar de Friol, hoxe convertido en museo.

A formación está dentro do programa do curso 2024/2025 titulado Coñecer Galicia a través dos Museos.

A fortaleza de San Paio de Narla, tamén coñecida como a torre de Xiá é unha fortificación medieval situada na localidade de Friol, é casa solar da familia Seixas; antiga liñaxe galega. Esta edificación está considerada desde o ano 1949 como un Ben de Interese Cultural dentro do catálogo de monumentos do patrimonio histórico de España.

Os primeiros documentos que fan referencia á fortaleza remóntanse ao século XIV, citado no ano 1350. Coñécese que sufriu o ataque dos Irmandiños, xa que se ten constancia que Vasco de Seixas ordenou realizar traballos para a súa reconstrución.

No século XVIII cambiou de propietarios, pasando a mans da familia Campomanes, que habitaron e reformaron a fortaleza, e a finais do século XIX foi vendida novamente á familia Novo. Estes propietarios vendérona de novo a unha persoa que pretendía derruirla para reutilizar a pedra. Por iniciativa do director do Museo Provincial de Lugo, Manuel Vázquez Seijas, a Deputación Provincial de Lugo adquiriuna en setembro do ano 1939.

Esta fortaleza permaneceu varias décadas sen uso algún, ata que no ano 1983, o arqueólogo Felipe Arias Vilas converteuna en museo histórico e etnográfico, trasladando a ela boa parte das coleccións etnográficas do Museo de Lugo.

A fortaleza foi derrubada nas revoltas dos irmandiños do século XV e reconstruída no século seguinte, polo que o actual edificio é obra dos séculos XVI e XVII, fundamentalmente. Ten un corpo central flanqueado pola torre da Homenaxe e por un gran torreón.

0.10379600524902