Alumnos de Guitiriz fanse cun dos premios GaliciaSkills

TerraChaXa
Formarán parte do equipo galego que representará á comunidade na competición nacional que se celebrará en Madrid o próximo febreiro
soldadura-premios-fp-guitiriz
31 Oct 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, eloxiou o talento e a excelencia da FP galega e destacou o seu papel como motor de desenvolvemento económico e social, na súa intervención no acto de entrega de premios do 8º Campionato Galego de FP GaliciaSkills 2025, celebrado na Feira Internacional de Galicia ABANCA.

Precisamente o IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz fíxose cun dos galardóns na categoría de soldadura.

Rueda asegurou que impulsos como estes son precisos para "dignificar o que sempre foi digno" e convidou os presentes a demostrar que Galicia ten "a mellor FP de toda España" na competición nacional. Os gañadores de GaliciaSkills formarán parte do equipo galego que representará á comunidade na competición nacional que se celebrará en Madrid o próximo febreiro.

Esta edición foi a máis participativa da historia do certame, xa que reuniu a preto de 250 competidores de case 80 centros educativos en 36 modalidades diferentes, acompañados por máis de 200 titores. Neste sentido, o titular do Executivo galego destacou o "auxe da formación profesional que estamos a ter en Galicia", pois fai falta lembrar que este curso a FP galega alcanzou unha cifra récord de máis de 71.000 estudantes matriculados, máis do dobre que hai 15 anos.

O presidente atribuíu este avance á aposta da Xunta por un modelo formativo conectado coas necesidades reais do tecido empresarial, "nos sectores que máis nos interesa crecer", e que axudan a "canalizar unha vida aprendendo un oficio".

Rueda eloxiou o esforzo, a dedicación e a capacidade de superación do alumnado participante, a quen animou a continuar formándose e a contribuír co seu talento ao progreso de Galicia. Ademais, tivo palabras de agradecemento ao profesorado, aos "magníficos" centros de formación e ás empresas que apoian "que a xente nova fórmese".

GaliciaSkills é máis que unha competición, xa que serve como escaparate do talento e da excelencia do alumnado galego, ademais de ser un punto de encontro entre educación e sistema produtivo. Nesta edición, o número de probas aumentou un 20% respecto da anterior e a participación creceu un 32%, o que confirma o dinamismo e a relevancia da FP no contexto educativo e laboral galego.

Nesta liña, o presidente lembrou que Galicia Calidade tamén é ser recoñecidos pola calidade do que se fai: "a calidade empeza polas persoas e as que fan ben as cousas é porque están ben formadas" afirmou.

⚙ Configurar cookies
0.073177099227905