Alumnos de Riotorto recibe un premio sobre fenoloxía
O Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, mantivo un encontro cos alumnos e profesorado do CEIP de Riotorto, vencedores dos premios do Programa de Fenoloxía 2017 da Rede Española de Reservas da Biosfera (RERB), sendo o centro de ensino que notificou un maior número de variacións nos fenómenos biolóxicos de ritmo periódico, como o florecemento ou a migración de aves, ao longo do pasado ano, como consecuencia dos cambios no clima.
Fernández Queipo entregou unha selección de 25 libros do Catálogo de Publicacións do Organismo Autónomo de Parques Nacionais (OAPN) que pasarán a formar parte da biblioteca do centro, como recoñecemento a súa labor de investigación e avaliación dos efectos do cambio climático na Reserva da Biosfera Terras do Miño.
O Deputado de Medio Ambiente subliñou que “é fundamental o traballo conxunto de toda a sociedade para preservar a riqueza natural da que dispoñemos na provincia de Lugo, pois o 55% do noso territorio está catalogado como Reserva da Biosfera pola Unesco. Neste senso, é de recoñecer a labor de investigación dos alumnos de sexto de primaria do CEIP de Riotorto, que o pasado ano participaron no Programa Nacional de Fenoloxía con éxito, acadando o primeiro premio”.
En total, rexistráronse datos de 20 colexios e institutos referentes a 8 reservas da biosfera: Conca Alta do Río Manzanares; Gran Canaria; A Palma; Mariñas Coruñesas; Grazalema, os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; Terras do Miño; e Serra do Recuncho. Foron 277 os datos fenolóxicos rexistrados na aplicación do Programa. CEIP Riotorto contribuíu con máis do 25 % dos rexistros de centros educativos a nivel nacional seguido de CEO Tunte (RB Gran Canaria) cun 18 % dos rexistros.
O Programa de seguimento fenolóxico da Rede Española de Reservas da Biosfera consiste en realizar un seguimento continuado de especies comúns de fauna e flora nas reservas da biosfera, co fin de analizar cambios a longo prazo (adiantos ou atrasos) das datas nas que teñen lugar os diferentes feitos biolóxicos que caracterizan ás especies estudadas: migracións, floracións, reprodución, etcétera.
O obxectivo do Programa é avaliar, a través de estudos fenolóxicos, os efectos do cambio climático na Rede Española de Reservas da Biosfera, involucrando no seu desenvolvemento aos diferentes sectores da sociedade representados nestes espazos: xestores, profesionais, profesores, escolares, agricultores, gandeiros e público en xeral. Con iso fomentarase a sensibilización da sociedade cara á reserva da biosfera e fomentarase a súa participación en proxectos comúns.
3 Reservas da Biosfera declaradas pola UNESCO
Lugo conta con tres Reservas da Biosfera como son As Terras do Miño; Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; e a do Río Eo, Oscos e Terras de Burón. A Reserva da Biosfera Terras do Miño foi a primeira declarada en Galicia pola Unesco, en novembro de 2002. Ocupa unha extensión de 363.669 hectáreas, o que a converte na segunda máis extensa de todas as declaradas na Península Ibérica, ocupando un 39% por cento da provincia de Lugo.
Pola súa parte, a Reserva da Biosfera de Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá foi declarada en outubro do ano 2006 e ocupa unha superficie de 53.664 ha, incluíndo territorios de tres municipios: Cervantes, Navia de Suarna e Becerreá, o que supón o 5% da provincia de Lugo. Finalmente, a Reserva da Biosfera do Río Eo, Oscos e Terras de Burón foi declarada en xuño do ano 2007, sendo a máis recente e contando con unha superficie de 159.379 ha, o que supón un 11% da superficie da provincia de Lugo. Esta superficie afecta a sete municipios; Ribadeo, Trabada, A Pontenova, Ribeira de Piquín, Baleira, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz.