Alumnos de Vilalba participan en Cabreiros nun campus de emprendemento sostible

TerraChaXa
Os participantes do IES Basanta Silva visitaron a explotación da asociación A Estruga
campus-emprendemento-a-estruga
15 May 2025

A deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira Morandeira, participou este mércores nunha nova edición do Campus de emprendemento sostible que a Deputación ten en marcha para fomentar a conciencia social e ambiental entre o alumnado da provincia, conectándoo cos valores e recursos das Reservas da Biosfera que xestiona. O alumando do IES Basanta Silva aprendeu, da man da asociación A Estruga, todo tipo de cuestións relacionadas cos cultivos sostibles, a biodiversidade e a xestión dos recursos naturais.

“Vivimos nun territorio privilexiado, cunha riqueza natural recoñecida a nivel internacional a través das nosas Reservas da Biosfera”, destacou Morandeira, quen incidiu en que “esa riqueza non se entende sen as persoas que a coidan, que a habitan”. Nese sentido a Deputada insistiu en que este campus é moito máis cunha aula, e definiuno como “un espazo para compartir ideas, para coñecer proxectos reais que funcionan aquí na nosa contorna”.

Durante a xornada, o alumnado de secundario visitou a explotación da Estruga situada na parroquia de Cabreiros (Xermade), onde coñeceu métodos de agricultura ecolóxica e ademais participou nun taller de elaboración de conservas ecolóxicas.

Desde a súa creación no ano 2013, por esta iniciativa da Deputación de Lugo pasaron xa máis de 500 estudantes de secundaria de centros educativos situados nas Reservas de Terras de Miño e Ancares Lucenses. Nos Campus de emprendemento sostible combínase a formación teórica con visitas a empresas rendibles e sostibles situadas no rural da provincia, permitindo aos mozos e mozas a interacción directa cos responsables das entidades colaboradoras e coñecer exemplos vivos de casos de éxito e boas prácticas.

⚙ Configurar cookies
0.16100120544434